domingo. 29.03.2020 |
El tiempo
domingo. 29.03.2020
El tiempo

"O BAILE NECESITA UN ESPAZO PROPIO PARA CONSERVALO, DIGNIFICALO E MANTELO VIVO"

Xabier Iglesias: "El objetivo de la foliada en esta época de tanta tecnología es socializar como se hacía antes"

Xabier Iglesias, profesor de baile que organiza la Foliada do Oito en el Centro Cultural y Recreativo de Vilalba. Foto: CRISTINA PÉREZ
Xabier Iglesias, profesor de baile que organiza la Foliada do Oito en el Centro Cultural y Recreativo de Vilalba. Foto: CRISTINA PÉREZ
O Centro Cultural e Recreativo de Vilalba acollerá o día 7 a segunda Foliada do Oito desta tempada, unha iniciativa lúdica encamiñada a difundir a música tradicional, que nesta segunda edición estende as súas ás por toda a provincia logo de triunfar nas noites luguesas. A cita incluirá obradoiros e concertos abertos a todo o que quiera sumarse.

XABIER IGLESIAS leva toda a vida vinculado ao baile tradicional, en Cántigas e Frores, na Tradescola ou como mestre itinerante, con clases en Pol, Guitiriz ou Vilalba. Fai un ano puxo en marcha a Foliada do Oito, un punto de encontro para os namorados da música e do baile tradicional que o vindeiro día 7, a partir das 20.00 horas, chegará a Vilalba para conmemorar o primeiro aniversario da cafetería do Centro Cultural e Recreativo.

Como xorde a Foliada do Oito?

Empecei o ano pasado en distintos locais de Lugo, para dinamizar e como punto de encontro dos que van ás clases de baile. Aínda que xa se facían algunhas foliadas, había demanda e por iso se comezou. Fixéronse oito, unha por mes e este este ano decidimos movelas pola provincia, porque hai numerosas asociacións que traballan na música e no baile tradicional, e para que se vexa que o que se aprende nas clases serve para divertirse. A primeira fíxose en Baralla, xunto con Branca Villares e a xente de Son de Cores, e agora en Vilalba colaboran Entre Lusco e Fusco e a xente do bar do Centro Cultural e Recreativo, aos que lle temos que agradecer o apoio e o compromiso coa foliada.

Que van atopar os que acudan á foliada vilalbesa?

Un sitio no que tocar, bailar e coñecer xente relacionada co baile tradicional. Antes da festa en si, vai haber un obradoiro de pandeiro e de pandeira impartido por Raquel Mel, a partir das oito da tarde, e ás nove haberá un obradoiro de baile tradicional, onde se ensinarán uns recursos de xota para bailar na foliada. Os dous serán gratuítos e abertos a calquera que queira participar. Despois dun descanso, ao redor das once da noite, dará comezo a foliada, na que actuarán os grupos vilalbeses Entre Lusco e Fusco e Buxos Verdes, Os do Pilón de Arzúa e Os Feroces da Galgueira das Pontes.

Que obxectivo se persegue con esta actividade?

O que se busca é que todo o mundo participe e que a xente das distintas formacións se mesture. Esta é a parte máis lúdica do noso traballo, porque nas clases das técnicas, explicas de onde veñen as cousas pero isto é para pasalo ben. Queremos crear unha dinámica de foliadas, ruadas e bailes populares.

Había unha carencia deste tipo de actividades?

Na provincia de Lugo si. Hai iniciativas que están ben, pero en comparación con outras provincias faltan cousas. Esperamos que os locais se animen a probar coas foliadas, porque nos sitios onde as fixemos quedaron contentos.

Que lle diría aos vilalbeses para que se animen a asistir?

Que se van atopar cun sitio con música tradicional, con obradoiros aptos para todos os niveis e grupos interesantes, no que imos estar ata que nos deixen bailando, tocando e cantando. O obxectivo é pasalo ben e coñecer xente doutros lados. Trátase de socializar como se facía antes, o que nesta época de tanta tecnoloxía non está mal.

Forma parte do proxecto para declarar o baile tradicional como Patrimonio Inmaterial da Humanidade, de onde parte esta iniciativa?

A Xunta de Galicia creou unha comisión, a partir dunha iniciativa de Xacarandaina e Fiadeiro. Comezouse a mover e aí estamos. Sabemos que non vai ser fácil, para conseguilo hai que seguir traballando, crear escolas profesionais e sobre todo que a xente o sinta como algo propio. Hai que ter en conta que o baile galego está presente en todo mundo a través dos centros galegos, en Urugauy ou en Arxentina fanse foliadas igual que aquí.

Perdéronse moitas danzas polo camiño ou foi posible conservar as tradicións de cada sitio?

Aínda seguen quedando cousas por recuperar. En Lugo, hai documentación recollida dos anos 50, a cargo da Sección Femenina,  e tamén houbo outros grupos facéndoas, con máis ou menos acerto. Perdéronse cousas, ás veces por falta de sensibilidade e outras de medios, porque as gravacións comenzaron nos 80 e recuperar os bailes non é fácil. Por exemplo, da danza de Cervela do Incio, que se segue a facer hoxe, xa hai datos dos anos 50, pero están sesgados. Agora axuda que ata co móbil podes gravar, pero aínda así é complicado de explicar como é un baile e normalmente os informantes son maiores e moitos xa non están en condicións de poder bailar ou cantar.  +

Dá clase a nenos pequenos e a adultos, hai diferencias á hora de afrontalas?

Si que é diferente. Un pequeno anótase, ou anótano, a unha actividade, pero un adulto vai con coñecemento de causa. Eu creo que os nenos teñen que aprender xogando, con dinámicas, con xogos e con movemento, con pasos básicos. Antes dos seis ou sete anos, non deberían aprender un baile en concreto. No caso dos adultos procuro que vexan as dúas partes do baile, a máis lúdica, que é a que representan as foliadas, e tamén a importancia da técnica e da conservación dos bailes.

Xabier Iglesias: "El objetivo de la foliada en esta época de tanta...
Comentarios