Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia: O historiador do rural que segue de cerca a universidade galega

Lourenzo Fernández Prieto ten dúas paixóns: a historia e o rural, e con determinación e esforzo —"sen traballo non hai brillantez", di— conseguiu facer das dúas o seu medio de vida. Naceu en 1961 en Vilagüiz, na parroquia ribadense da Devesa, pero cando tiña só tres meses a súa familia marchou tra-lo pai, instalador de liñas telefónicas por toda a península, e as súas primeiras palabras cadroulle de pronuncialas en Canarias, onde residiu ata cumprir os tres anos. Despois a familia voltou a Galicia e instaláronse en Narón (A Coruña), onde viviu ata marchar á universidade.

Os seus pais tiñan claro que querían "estudialo", pero con garantías; é dicir, para ter saídas, e Xeografía e Historia, a súa elección, non parecía encaixar neste perfil. Lourenzo optou entón por Veterinaria, seguindo a súa querencia polo rural, pero pouco contento co amaño, decidiu finalmente defender a súa vocación e chegou a un compromiso coa familia: facer Historia e matricularse tamén en Dereito na Uned, por aquelo de saltar con rede.

De Dereito sacou dúas asignaturas, pero como os resultados en primeiro de Xeografía e Historia foron excelentes, foille posible deixar atrás o lastre das leis. A súa foi a primeira xeración do Bacharelato Unificado Polivalente (BUP), e o desembarco masivo de estudantes pillou algo desprevenida a universidade. Iso, xunto coa "folga dos pisos", retrasou o inicio do curso ata xaneiro. Santiago era entón "a liberdade" e fervía de actividade cultural e política, pero Lourenzo non se sumou a ningún movemento, aínda que xa cara o final, en 1984, participou na fundación dos Comités Abertos de Facultade e nas eleccións ao primeiro claustro democrático.

Rematou ese mesmo ano co premio extraordinario, pero o ensino medio non ofrecía moita saída —aquel ano ofertáronse dúas prazas para Historia— e optou por continuar co doutoramento cunha tese sobre o cambio tecnolóxico no rural galego, para cuxa documentación foi clave o lucense Alejo Carballeiro e ca que obtivo en 1990 o premio extraordinario.

Desde finais dos 80 estivo case permanentemente nos órganos de goberno da USC e en 1989 participa no Consello Universitario de Galicia, onde se definiu a segregación da universidade galega, cun modelo que defende sen dúbidas: "Se non crearamos tres universidades seguiríamos indo estudar agronomía e forestais a Madrid", di.

É catedrático desde 2005 e desde 2006 coordina o proxecto 'Os nomes, as voces...' sobre a represión en Galicia durante o franquismo.

Participou nas primeiras eleccións por sufraxio universal con Xosé Manuel Sabucedo, que quedou a dez votos de gañar a Senén Barro. En 2006 a súa plataforma, Universidade Aberta, fixo equipo coa Plataforma Universitaria Progresista (PUP) de Barro "para facer unha proposta de cambio". Gañaron fronte ao seu actual contrincante, Juan Casares Long e Fernández Prieto exerceu como vicerreitor de Relacións Institucionais. Ata que se decatou, di, de que o cambio era cativo porque "as inercias pesaban moito". En 2009 decidiu saír do goberno para "propiciar unha alternativa", que resume como "unha universidade pública, galega, internacional e de calidade", e que este luns se examina nas urnas.

Comentarios