sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

Los ingenieros de Franco

Atopei a Ana Torroja nun lugar inesperado: o libro sobre ciencia e catolicismo no estado franquista de Lino Camprubí

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

HAI COUSAS que custa confesar en público. Unha delas para min é que son quen de escoitar a Mecano e que me resulta especialmente atractiva a voz de Ana Torroja. Á cantante atopeina esta semana nun lugar inesperado: o libro sobre ciencia e catolicismo no estado franquista de Lino Camprubí, Los ingenieros de Franco. Unha das críticas que se fixo ao grupo pop bandeira dos oitenta españois foi a súa condición de nenos ben. Ana Torroja é neta de Eduardo Torroja, o enxeñeiro máis famoso que produciu a España franquista e un dos primeiros intelectuais con poder que produciu o Opus Dei.

A obra de Camprubí ten todo o que pode desexar un lector interesado: é breve, rica en contido, trata un tema de interese e relativamente descoñecido e as súas teses son, como pouco, arriscadas. Para comprendelas, temos que partir dun presuposto ideolóxico: dende hai máis dun século, apenas hai estado que poda sobrevivir sen unha andamiaxe técnica. Dito doutro xeito, en todos os estados —agás a Kampuchea de Pol Pot e pouco máis— hai ciencia, mellor ou peor, ao servizo dun poder ou outro e normalmente imbricada coa ciencia internacional. Corea do Norte non chegou de seu aos segredos nucleares que lle permiten fabricar reactores nucleares.

O problema estriba na fina liña que separa explicación e xustificación. É obvio que no franquismo houbo ciencia e mesmo ciencia de moi alto nivel. A pregunta é ata que punto se pode considerar serio un traballo científico subordinado a criterios relixiosos e políticos. Unha resposta pode ser que a parte técnica non se viu moi alterada, pero que Camprubí relata unha historia chea de fracasos globais: a fabricación de formigón pretensado suspendeuse ao pouco de comezar, os pantanos de Franco fixeron agromar o conflito entre as necesidades agrarias e industriais do Estado, as situacións de Doñana e Xibraltar amosaron as limitacións da política española nun contexto político internacional e o abandono do Sáhara Occidental eliminou a posibilidade de que España se convertese nun dos maiores produtores mundiais de fosfatos, imprescindíbeis para soster unha agricultura que ten que alimentar a varios miles de millóns de persoas.

Porén, sobre toda a obra pasa a pantasma da reivindicación. Ninguén pode poñer en cuestión os saberes técnicos de Eduardo Torroja nin a existencia dun coñecemento científico en España entre 1939 e 1975, pero o libro estaría máis completo se o autor tivese afondado na verdadeira importancia que se lle outorgaba ao científico no réxime en comparación ao relixioso ou o ideolóxico. Quizais así o lector tería unha mellor visión dos porqués do evidente atraso científico español a pesares da presenza illada de figuras de grande talla. E tampouco estaría de máis que o ensaio se vise ampliado ou complementado coa análise das rupturas e continuidades respecto ao período republicano e o "atroz desmoche" que dixo Laín Entralgo.

Malia estas cuestións —sempre polémicas e debatíbeis—, Lino Camprubí fixo unha fonda aportación á historiografía da ciencia e a enxeñería españolas, cunha rigorosa investigación como soporte e unha capacidade para transmitir coñecementos de xeito ameno e sinxelo que fan augurar que nos vindeiros anos poderá dar ao prelo outras achegas, mesmo dun alcance moito maior, que han prestar tanto a expertos como a afeccionados.

Los ingenieros de Franco
Comentarios