López Fontal: 'El verdadero alcalde será el tránsfuga Manuel Bouza, pues es el que tiene la llave del gobierno''

O SOCIALISTA José López Fontal deixará a alcaldía do Courel este sábado, cando un tránsfuga do PSOE, Manuel Bouza, e catro concelleiros que abandonaron o PP promovan unha moción de censura. Fontal di que a ex popular Lola Castro só actuará de presidenta da corporación, xa que o verdadeiro alcalde será Bouza.

PREGUNTA: Como se chegou a esa ruptura entre o PSOE e o concelleiro Manuel Bouza?
RESPOSTA: Non había motivos, pois a sintonía e a amizade no grupo socialista era total. Un día, sen mediar palabra, presentou un escrito no Concello no que anunciaba que abandonaba a disciplina de partido, á vez que se apresurou a asegurar que non apoiaría ningunha moción de censura. Con todo, as súas declaracións foron cambiando de sentido ata chegar a acusarme de ditador. Este personaxe só necesitou tres anos para escribir a páxina máis sucia do noso municipio.

P: Ditador. Diso tamén o acusa Lola Castro, a inminente alcaldesa do Courel.
R: O que pasa é que esta xente non sabe que argumentos utilizar para xustificar o seu asalto ó poder. A xente do Courel sabe perfectamente quen son e como son. Aquí, con nós, as cousas sempre se fixeron con decencia e elegancia, do contrario non gañaría tres eleccións consecutivas con maioría absoluta. De ditadura nada. A única que hai é a da dereita rancia, que compra vontades para facerse cunha alcaldía que non conseguiu democráticamente.

P: Esperábase a moción de censura?
R: Estaba clarísimo que ocorrería. Dende o primeiro momento soubemos que había algo detrás do abandono de Manuel Bouza. Se se atrasou foi debido ao malestar veciñal tras a renuncia deste tránsfuga, polo que tiveron que esperar a que as cousas acougasen, que os veciños se tranquilizaran.

P: Que poden facer Lola Castro e os outros tres ex edís do PP xunto a Manuel Bouza polo municipio ata as eleccións locais de 2011?
R: Se non teñen o respaldo do Partido Popular non poderán facer grandes cousas, pero se o PP mente e en verdade está detrás de todo isto quizá teñan algunha posibilidade de conseguir algo. O tempo dirao. O que si quero deixar claro é que Lola Castro soamente actuará de presidenta da corporación, pois o verdadeiro alcalde será Manuel Bouza. El ten a chave do goberno local.

P: Que opinión lle merece Lola Castro?
R: Non teño nada que opinar sobre ela. Só podo dicir que é a protagonista dun roubo.

P: Cre que conta con apoio veciñal?
R: O apoio dos veciños non o ten. Hai moitos afiliados do PP que están desencantados con esta manobra de Lola Castro, xa que abandonaron o partido e os populares quedan sen representación municipal.

P: Pensa que Castro e Bouza se porán soldos cando estén á fronte do goberno?
R: Sería paradóxico si o fan, xa que promoveron unha moción para retirarlle o soldo ao primeiro tenente de alcalde argumentando que estabamos en crise e que non se podía gastar o diñeiro nestas cousas. Se son consecuentes deberían traballar desinteresadamente polo ben do concello, pero creo que si se porán soldos. Esta é a típica xente que pola mañá di unha cousa e pola tarde outra diferente.

P: Volverá vostede a presentarse á alcaldía nos comicios do 2011?
R: Aínda queda un ano e medio ata entón, pero a miña intención, e se o PSOE así o estima convinte, é volver encabezar a candidatura. O meu desexo é pór a cada un no seu sitio. As alcaldías danas os votos dos veciños, non os tránsfugas nin as operacións aritméticas.

P: Por certo, pensa que o sábado, día da moción de censura, haberá mobilizacións veciñais ou altercados na casa do concello?
R: Os veciños do Courel non son dados a montar revolucións nin altercados, pero teñen memoria. No seu momento falarán nas urnas e a todos estes tránsfugas, insisto, serán postos no seu sitio. Sobre o pleno do sábado, así o espero, discorrerá con total e absoluta normalidade.

Comentarios