Lonxe de toda humilde beleza

IMAXINO que cando estas liñas vexan a luz xa se coñecerán eses datos sobre o investimento medio de cada cidadán ou familia en flores para o día de Defuntos, e tamén sobre como incidiu a crise nun capítulo que resulta ao tempo tan entrañábel como accesorio. Os informativos adoitan nutrirse de tales cómputos nos que poucas veces nos recoñecemos pero que serven para encher de contidos, por outra banda neutros, en xornadas de baixa intensidade no político.

Cando me refiro ao gasto en flores para homenaxes mortuorias como algo que pode ser tan emotivo como prescindíbel non entro a valorar crenzas, afectos nin costumes. Tampouco gustos, compromisos ou débedas. O que realmente valoro é a miña perplexidade e a incomprensión -tamén miña- ante os excesos florais cometidos en datas sinaladas. Tal sentimento medra cando os comparo co esquecemento noutras datas, e aínda máis co abandono ou o trato que os destinatarios destes agasallos recibiron durante a vida. Teño visto, igual que moitas persoas que me estean a ler, familias enteiras rendendo homenaxe a unha anciá que morreu no absoluto abandono, a máis dun maltratador achegarse cos seus centros exuberantes á portada do cemiterio para llelos deixar ás súas vítimas invisíbeis que xa non terán para eles unha resposta. Vin tamén en ducias de ocasións medir, mesmo con envexa, as flores, de igual maneira que noutrora se contaban con admiración os curas que oficiaban o enterro. Hai, con todo, dúas escenas que me quedaron na retina dun xeito especial. Unha, que para min tiña nomes e apelidos, cando vin un viúvo, que fora adúltero consumado e recoñecido durante o seu matrimonio, saír da tenda de flores en vésperas de Defuntos cun impresionante ramo de rosas que nunca recibira a súa lexítima ao longo de tantos anos de enganoso matrimonio. Á outra imaxe asistín en máis dunha ocasión, non sabería dar conta de cando nin en que lugares, pero si da maneira na que se foi gravando, por superposición. É unha escena anónima, sinxela e tremendamente emotiva, na que alguén que se achegou a unha tumba querida e deixou nela unha petada de floriñas que puido atopar nos arredores. A espontaneidade do xesto deixa a descuberto o verdadeiro sentido da homenaxe.

Será que -no particular- me namora máis toda humilde beleza e que prefiro a flor ventureira ás grandes e recargadas arquitecturas florais. Será que a memoria canga nas costas do outono como unha pesada alforxa. Ou será que -no colectivo, no social- estas datas deixan ver de maneira especial, por entre as reixas dos cemiterios, unha boa dose de hipocrisía mesturada cun sentimento de lembranza das persoas que perdemos: un sentimento de tristeza, de nostalxia e de homenaxe embazado tan só por todo un negocio que desloce a súa autenticidade afastándoo de toda humilde beleza.

Comentarios