Lonxe de Clío

Comentabamos hai dias que este pais non se distingue pola sua afección á historia, senón mais ben todo o contrario. Por iso, sabéndoo, son moitos os politicos da banda de estribor, que ilustran as suas afirmacións con verdadeiras barbaridades. Na nosa xuventude escoitámolle a un destacado intelectual unha aceda crítica a un seu colega, xa que o único que facia era ler as lapelas da colección de peto dunha editorial, daquela moi acreditada. Qué tempos, hoxe dariamonos cun croio nos dentes perante tan alto nível! Vexamos. A simpática e ocorrente secretaria xeral do partido do goberno, lonxe do estro de Clío, patentou a idea de comparar as concentracións que se fan ás portas dos domicilios de determiandos persoeiros gobernamentais, e que chaman ‘escraches’, coas actuacións nazis contra os xudeus. Máis recentemente, o achádego tivo en Galiza o seu eco, na voz do non menos engaiolante delegado do goberno. Debera enterarse previamente dos interesantes precedentes que existen nesta terra, que é a sua, antes de importar empréstitos foráneos, e de ter dúbidas consultar na Universidade da cidade na que reside. Polos mesmos anos aos que se refire a señora Cospedal, ou sexa en plena guerra civil española, en vilas e cidades galegas, celebrábanse as vitorias do bando franquista organizando manifestacións, ás que acudian as centurias de camisa azul e correaxe e as margaritas de recendos eclesiais, pero ás que eran obrigadas a acudir algunhas xentes, os desafectos, aos que se lles ia petar á porta e se lles obrigaba a portar un pendón ou estandarte frecuentemente tirados das igrexas, para máis ‘inri’. Eran ‘espontáneas’ manifestacións civicas. Ben está abominar do rexime nazi pero non estaria de mais comezar co franquismo, mesmo á hora de por exemplos.

E ainda que nun fenómeno mais difuso, que recollen gacetas e articulos de opinión, notamos tamén a incuria e a estulticia sobre a historia mais recente. Con ocasión da campaña para as eleccións presidenciais en Venezuela, espalláronse todo tipo de comentarios, os mais deles contrarios ao réxime bolivariano e ao candidato chamado oficialista. Cada quen é dono da sua opinión, pero a capacidade para ir de ‘sobrados’ que din os modernos, non ten cancelas como se di do falar. En moitos ámbitos foi xeral amilagrase das maniobras para engadar e obter votos a base de axudas oficiais, oportunamente convocadas e distribuidas. Parece que aquí este tipo de práticas remóntanse ao pleistoceno e, naturalmente, son contrarias aos nosos usos e costumes tradicionais, e hai séculos que non se realizan obras públicas no derradeiro ano, ou mes, do mandato electoral, ou se asfaltan as airas e entradas particulares, ou hai que acudir a determinados locais partidarios, para acreditarse antes de obter o visto e prace para facerse cun semen de alta calidade para o gando e a bon prezo. E xa non falemos do rigoroso proceso electoral dos votantes na emigración, ou desa especie de fortuna que sempre sorrí ás mesmas persoas para formar parte dunha mesa electoral, e outra serie de chuscadas do mesmo xorne. E naturalmente non nos referimos á corentena ominosa, senón ao período democrático, tan próximo e recente para a maioría da poboación. No único que se parecen amnesia e magnesia é que ambos termos proceden do grego.

Comentarios