Lola Castro Ochoa: ''Quien no piense como Fontal queda crucificado para siempre''

O vindeiro día 24 de outubro, Lola Castro Ochoa (Moreda, 1977) converterase en alcaldesa do Courel. Para poder coller as rendas do Concello tivo, do mesmo xeito que os seus outros tres compañeiros do PP, darse de baixa do partido e contar co apoio do ex edil socialista Manuel Bouza Caro. Os cinco promoveron unha moción de censura contra José López Fontal, do PSOE, a quen acusan de "ditarorial" e de ter "no máis absoluto abandono" aos veciños.

PREGUNTA: Por favor, explíqueme iso que dixo de que lle resultou doloroso abandonar o PP para poder promover a moción de censura.
RESPOSTA: Desde moza pertencín ao PP, polo que non resulta fácil saírse dunha organización que promove unhas ideas que compartes, pero os intereses dos veciños pesaron máis que o partido, así de simple.

P: Que lle dixeron no PP?
R: Que non apoiaban a nosa decisión de censurar a José López Fontal. Foron meses de contactos, pero insistiron en que non podían apoiarnos, polo que decidimos deixalo e constituírnos como Alianza polo Courel. Así llo transmitimos a Barreiro e Balseiro, quen dixeron comprender que no Courel estabamos nunha situación complicada, pero, repito, sempre negándose a participar no que promovemos.

P: Oínlle dicir unha e outra vez que José López Fontal caracterízase por unha actitude ditatorial.
R: É un ditador e mente continuamente. O que non pense como el queda crucificado para sempre. Antes de entrar na corporación oín falar diso, pero pensaba que non podía ser tanto como a xente dicía. Nos dous anos que levo no Concello puiden comprobar que si é así. Teño moi recente na memoria o caso dunha parella de veciños de idade avanzada, votantes de dereitas, que choraban ao verse coaccionados por Fontal para non votar PP, pois os ameazou con retirarlles a asistencia social a domicilio.

P: Pero Fontal parece dispor dun amplo respaldo veciñal.
R: Só conta co apoio dos militantes do PSOE e os seus familiares. Á xente que non está vinculada ao seu partido non lle importa que estea el ou eu, só queren que O Courel vaia arriba, que non siga en decadencia. Voulle pór un exemplo: cando foron as manifestacións diante do centro médico de Seoane contra Manuel Bouza, os que estaban alí eran socialistas de toda a vida, polo que calquera pode supor que José López Fontal estaba detrás de todo coa intención de amedrentar a un concelleiro que deixou o PSOE por non estar de acordo coa súa forma de gobernar. Esta persoa, ademais, tivo que padecer ameazas e ata, cremos, un intento de homicidio (denunciara que uns descoñecidos tiráronlle pedras desde un alto cando circulaba co seu coche por unha estrada do municipio). Penso, aínda que non acuso a ninguén, que López Fontal tería moito que dicir sobre todo isto.

P: E vostede, ten respaldo veciñal?
R: Penso que si. Ao longo dos últimos seis meses falei con moita xente e o que me dixeron influíu na decisión de promover a moción de censura. Ademais, non é certo que no Courel apenas se me coñeza. Marcheime cando tiña 20 anos e levo aquí os último cinco. Tampouco é verdade que non estea no municipio con frecuencia. Estou de tres a cinco días á semana, o que pasa é que non vou ós bares.

P: Fáleme das súas prioridades como nova alcadesa
R: As principais son desterrar o ambiente ditatorial que hai no Concello, atender as necesidades dos veciños e axilizar os trámites administrativos. Quero unha casa do concello realmente aberta a todo o mundo. Cando vexan que non aplicamos o rodete, que non somos como Fontal, todos estarán máis contentos.

P: Ten algún plan estrela na súa carteira?
R: Teño un tempo limitado, dous anos, pero desexo arranxar a problemática sanitaria do municipio, que haxa facultativos nos dous centros de saúde e conseguir as gardas médicas. Tamén traballarei para pór en marcha unha residencia da terceira idade e para mellorar a cobertura telefónica en moitos pobos. A terminación da estrada entre Pacios e Piedrafita e a que une Folgoso con Seoane son outras das miñas prioridades.

P: Trátase de iniciativas que xa tiña Fontal e que non deu sacado adiante
R: Podo asegurar que nós darémolo todo para conseguir que sexan unha realidade.

P: Por certo, entrará Manuel Bouza no goberno local?
R: En principio, non. Seguirá como concelleiro non adscrito e apoiará ou rexeitará o que crea convinte. Sei que está de acordo coas liñas máis importantes do meu proxecto polas conversacións que tivemos.

P: Teme disturbios o próximo día 24, cando vostede, os seus tres compañeiros e Manuel Bouza saquen da alcaldía a José López Fontal?
R: Non. No Courel somos xente civilizada. É normal que ese día haxa algunha manifestación, pero pasado o pleno, cando vexan que non aplicamos o rodete, que non facemos unha política ditatorial, todos estarán máis contentos.

Comentarios