Lois Pereiro llega en imágenes y voz a una exposición en la Biblioteca de Lugo

Imaxes da vida de Lois Pereiro e gravacións da súa voz son os contidos dunha mostra sobre o poeta realizada co gallo de dedicárselle o Día das Letras Galegas que vai ser levada nun percorrido por centros culturais e educativos que comezou onte na Biblioteca Provincial de Lugo.

A exposición ten como elemento central unha pantalla táctil naque se poden consultar contidos agrupados en catro apartados: ‘Fotobiografía’, ‘A voz do poeta’, ‘Xogando coas palabras e ‘A música’. O primeiro está formado por imaxes de diferentes momentos vitais do escritor. Vén seguido de gravacións coa súa voz e dun xogo no que se deben recompoñer poesías do monfortino. Os textos dos seus libros interpretados por músicos como Manu Clavijo ou por Uxía Senlle están agrupados na cuarta sección.

Un gran panel con textos que indican momentos importantes da súa vida e con outras dúas pantallas cativas completan a montaxe que realizou Ouvirmos, con a dirección de Xosé Aldea. Polas pantallas desfilan fotografías que van pautando os 38 anos da vida do poeta na viaxe existencial que arrincou no Incio e se guiou por Monforte, Madrid e A Coruña.

O irmán do homenaxeado Xosé Manuel Pereiro sinalou a importancia de que Lugo fose o punto de partida desta itinerancia que levará a mostra polas cinco bibliotecas nodais e numerosos centros escolares do país. «Cando viñamos a Lugo a algo, xeralmente ao médico, o pacto era que nos compraban un libro», lembrou.

Promoción

A exposición sobre Pereiro foi promovida polas consellerías de Cultura e Educación, que estiveron representadas polo director xeral do Libro, Francisco López, e o secretario de Política
Lingüística, Anxo Lorenzo. No acto tomaron parte tamén o secretatio territorial da Xunta, Marco Antonio Fernández, e a directora do centro, Marisol González.

Francisco López encardinou a actividade posta en marcha en Lugo nunha estratexia de promoción ampla, que inclúe accións como a edición das obras completas de Pereiro en versión bilingüe galego-castelán por parte de Liboros del Silencio, con prólogo de Pere Gimferrer; a edición dunha antoloxía en inglés escolmada por Jonathan Dune e un libro destinado a mozos con ilustracións de Jacobo Fernández e coeditada con Xerais.

Anxo Lorenzo optou por contextualizar a figura de Pereiro describindo a «eclosión de literatura e lingua que se viviu na Galicia dos 80» cadrando coa «transformación social e política dos comezos da autonomía». Collendo ese fío, Xosé Manuel Pereiro anunciou que hoxe ás 20.00 horas se vai inaugurar no consitorio da Coruña a mostra ‘Desembarco dos 80. Cando A Coruña foi posmoderna’, con obxectos do escritor.

Comentarios