Logros con sabor a victoria

Os dous equipos do Pub Omega de Meira conseguen chegar a participar no Campionato Galego de Billar, celebrado en Padrón
Integrantes do Pub Omega e do Omega Junior, no campionato de billar celebrado en Padrón.
photo_camera Integrantes do Pub Omega e do Omega Junior, no campionato de billar celebrado en Padrón.

Que a afección polo billar convirta a un grupo de amigos no terceiro mellor de Galicia é algo que os integrantes do equipo Pub Omega de Meira coñecen demasiado ben, xa que acaban de acadar o bronce no podio do XXIII Campionato Galego de Billar celebrado no Hotel Scala de Padrón, onde se deron cita os mellores xogadores galegos deste deporte.

Tras dúas longas e duras xornadas de enfrontamento entre os distintos equipos, os meiregos, que xa quedaran como cabezas de serie na Liga que se celebra na provincia de Lugo, lograron acadar o terceiro posto a nivel galego. Participaron en dúas categorías: Segunda A e Segunda B.

Ambos conxuntos agardan repetir novas experiencias en vindeiras ocasións para acadar novos éxitos

E non foron sós. O equipo júnior, que competiu en Terceira, tamén tivo a súa oportunidade entre os mellores da comunidade, aínda que non conseguiu pasar á segunda xornada. «É todo un logro que chegaran ata onde o fixeron, xa que era a primeira vez que o equipo júnior participaba nunha competición deste tipo. Para as seguintes ocasións seguro que irá a mellor», afirma orgullosa Montse Novo, encargada do Pub Omega en Meira e quen acompaña aos seus dous equipos en todo momento.

No caso dos máis veteranos, esta foi a terceira ocasión en que tiveron a oportunidade de competir na vila coruñesa. Como di Montse, «non era a primeira vez que iamos, pero nunca antes conseguiramos tan bos resultados», xa que na tempada 2014 quedaran entre os 16 mellores do campionato.

Non é nada fácil lograr unha boa posición, e é que «a competencia que hai é moi dura, xa que estás xogando contra os mellores de cada provincia. Ademais, as partidas prolónganse durante moitas horas seguidas», afirma a responsable do local patrocinador. Desta vez, a primeira xornada estendeuse ata ben entrada a noite, con moi poucos descansos entre partida e partida. No caso da segunda, todo foi máis intenso. Eran menos os rivais, pero máis fortes, polo que houbo que esperar ata a madrugada para poñer punto final a esta edición do campionato.

Con motivo dos bos resultados obtidos para ambos equipos, Montse afirma que a súa intención é repetir esta experiencia nos anos vindeiros, «aínda que non dependa unicamente de min». Se o Omega Júnior segue a ruta marcada polo equipo absoluto os éxitos estarán asegurados, aínda que como ben di a responsable: «Somos un único equipo e os logros duns son compartidos cos demais». Toca agardar á vindeira tempada para ver os bos resultados que traerán para Meira.

Comentarios