Localizan abandonado na A-6 en Lugo o todoterreno roubado en Castro de Rei

O vehículo, recollido pola Policía Nacional, apareceu na zona da Campiña ► O material sustraído non estaba nel

O todoterreno do Concello de Castro de Rei que o sábado pola tarde fora roubado da nave municipal do polígono de Castro de Ribeiras de Lea, foi localizado varias horas despois, xa de noite, abandonado na A-6, á altura da Campiña, en Lugo. 

Ao parecerm, tanto o vehículo coma o remolque se atopaban en bo estado e baleiros, sen que houbese rastro do resto do material sustraído –oito desbrozadoras, cortasetos, motoserras, taladros, radiais, martelos compresores, unha soldadora, etc–. O todoterreno foi recollido e teno en custodia a Policía Nacional, que buscará probas que permitan identificar aos autores do roubo cometido na tarde do sábado. O Concello aínda non foi informado de cando poderá recuperalo, xa que polo momento é unha das principais pistas da investigación. 

Os responsables municipais tamén agardan que sexan de utilidade as declaracións de varias testemuñas que viron tanto o vehículo sustraído –tívose coñecemento do roubo instantes despois de producirse, ao ver un traballador municipal a dous descoñecidos circulando no todoterreno–, coma un Audi familiar que segundo os indicios é probable que acompañase ao vehículo roubado. 

Este mesmo turismo xa fora visto con anterioridade na zona, de maneira que se cree que os autores do roubo acudiron previamente a Castro, onde chegaron a interactuar con algunhas persoas, para estudar o terreo antes de cometer o roubo.

Comentarios