viernes. 07.08.2020 |
El tiempo
viernes. 07.08.2020
El tiempo

''A literatura máis que o traballo intelectual é o sentir e a emoción''

Medos Romero
Medos Romero

A escritora pontesa Medos Romero, que defende que «dende a poesía é necesario dicir cousas e adquirir compromisos», está a preparar unha nova obra, a décima que sacará ao mercado, sobre a situación actual das Pontes e a comarca de Ferrolterra.


comprometida na vida e a través dos seus versos, Medos Romero «é unha muller de sentir». Esta pontesa, afincada en Valdoviño e filla «dun labrego reconvertido en obreiro», prepara un libro, do que prefire non revelar demasiado, sobre o decreto do carbón e As Pontes porque «a poesía debe servir para falar da paisaxe humana e industrial e dos problemas».

Comeza a publicar con case 40 anos. Chegou a inspiración ou gardaba poemas de xuventude?

Xa quixen escribir de adolescente, pero non tiña nin a madurez suficiente nin os elementos. Escribía algo, para canalizar a rebeldía daquel tempo (rí) e tiña moitas inquedanzas culturais, pero, sobre un pouso que xa estaba, comenzo a escribir de forma espontánea coa madurez persoal.

Con nove libros publicados e un inédito, como ve o mundo da literatura galega actual?

Tiven moita sorte tanto para publicar como coa crítica, pero hai moitos creadores e non están reflectidos nin reflexados na sociedade. É escaso o coñecemento previo e así non pode haber recoñecemento. E estamos nun tempo de efemérides. Este ano edítanse 40 libros de Lois Pereiro. Ben, pero, onde estaba antes e onde vai estar despois das Letras Galegas?

Considerada escritora de culto, recibe o Miguel González Garcés no 2006. Os premios abren portas?

Conmigo e con todo o mundo, abren camiños. Axudan a que te lean máis, pero non por iso significa que sexas mellor.

Moitos basean a súa obra en catro eixos: a terra, a muller a dor e a beleza. Está dacordo?

Iníciome na literatura a través do mundo da natureza, da paisaxe, dese mundo que xa non está... coa sabedoría popular e a literatura oral. Case con experiencias telúricas, gozosas e incluso místicas, en soidade, co entendemento coa natureza, falando de min, de experiencias de dor, sufrimento... para logo máis timidamente escribir sobre outras cousas como a memoria histórica.

Temas máis reivindicativos?

Totalmente. Sobre todo co papel da muller, polo que está a pasar coa violencia de xénero, porque son muller e porque mamei esa educación paternalista de: «Ti non podes, ti non sabes». É difícil na nosa xeración saír para fóra desas vacunas que levas dentro.

Con respecto á dor, a súa profesión de enfermeira ten algo que ver?

A miña historia persoal foi de bastante sufrimento. Comecei a falar da dor por experiencia vital e logo porque traballo a diario con temas como a angustia ou a morte. En ‘Do corpo e a súa ausencia’ poño voz a un xoven a punto de morrer. Foi a primeira vez que me deixo levar polo papel de coidadora, pero tamén falo da beleza da vida.

Esa beleza que marca outro eixo?

Non podo vivir sen buscar a beleza nas cousas pequenas, Necesítoa igual que me alimento para comer. Son alimentos espirituais. O sentir e a emoción son vitais na literatura, que non é un traballo meramente intelectual; ten que ver coa vida e a emoción. Desde o primeiro libro pensei que non ía escribir máis. Non me sento a diario a escribir, ten que haber un suceso que me revente por dentro. E agora estou segura que sempre vai haber un que me abra unha porta de min mesma, onde está escondido o mellor de min. E cando abre sae todo de golpe.

Cal pode ser esa chispa de inicio?

Escribo dun tirón ‘O Pozo da Ferida’ e trato de achegarme á realidade brutal que viven moitas mulleres tras ler unha nova dunha nena deficiente á que violan, matan e tiran ó lixo. Foi un sentimento, como iniciei outra tras ver unha exposición de Tintoretto.

''A literatura máis que o traballo intelectual é o sentir e a...
Comentarios