miércoles. 16.10.2019 |
El tiempo
miércoles. 16.10.2019
El tiempo

A liquidacion das caixas

NOS ÚLTIMOS anos os restos das dúas antigas Caixas de Aforros Galegas quedaron convertidas en Novagalicia Banco que agora o goberno quere privatizar nun breve prazo de tempo có que se completaría na práctica o proceso de liquidación das nosas entidades de aforro.

Este proceso foise desenvolvendo por etapas; primeiro coa fusión das dúas Caixas nunha única entidade e despois coa redución do seu capital a cero para absorber as perdas e poder facer fronte ás necesidades de recursos propios. Deste modo o capital de Novagalicia banco é público na súa totalidade por pertencer ao Fondo de Reestruturación Ordeada Bancaria (FROB), a entidade creada de modo específico polo Goberno para dar cabida ás entidades financeiras en problemas. Polo camiño foron quedando varios mortos ou feridos graves. Quedou a Obra Social das Caixas que xa non conta coa entrada de novos recursos e que lle impedirá poder seguir desenvolvendo as labores que facía. Houbo tamén uns expedentes de regulación de emprego que eliminaron boa parte dos seus traballadores e que foron acompañados do peche de numerosas oficinas. Existiu a venda de participacións preferentes a moitos dos seus clientes con engano ou sen advertirlles dos riscos que corrían e o pago de liquidacións escandalosas aos principais directivos das Caixas. Houbo as vendas das súas participacións en varias empresas como R en telecomunicacións, en Pescanova e no Banco Etcheverría e facer fronte con fondos públicos ás perdas do Banco Gallego que estaba participado por Caixanova. E por último realizouse a venda no mes pasado de Evo Banco, que incluía unhas 80 oficinas situadas fora de Galicia, ao fondo de investimento Apollo.

Despois de todo este proceso no que van investidos uns 9 mil millóns de euros de fondos públicos, que equivalen a algo máis do orzamento deste ano da Xunta de Galicia, o plan do goberno é privatizar agora Novagalicia banco.

Para elo están a punto de presentarse ofertas para a súa adquisición por parte de varios bancos e tamén de fondos de investimento estranxeiros por medio dunha poxa con moi pouca transparencia e con moitos intereses en xogo. Hai unha entidade encargada de mediar na operación, o banco francés BNP, que é accionista dalgún dos bancos que se poden presentar á poxa; hai sospeitas sobre a formación de posibles alianzas entre algúns deles para reducir a competencia e poder facer a adquisición a un prezo máis baixo. E o máis grave a operación pode ter posibles cláusulas non publicadas ou visibles ao tempo de facer a venda, como son as compensacións sobre créditos fiscais, que lles permitiría reducir o pago de parte do imposto de sociedades nos próximos anos aos bancos que a adquiriran ou a existencia do denominado esquema de protección de activos, que lle permitiría compensar parte de posibles futuras perdas. Deste modo a venda pode resultar nun prezo moi baixo que entregaría unha carteira de clientes apetecibles que poden equivaler ao 40% do aforro galego

O goberno trata de xustificar a venda nun posible compromiso existente no Plan de rescate á banca ou na imaxe positiva que tería cara ao exterior a adquisición do banco por parte dun fondo de investimento estranxeiro.

Na realidade a venda sería o episodio final dun proceso desgraciado de liquidación das nosas entidades de aforro e máis de crédito propias. E existen outras alternativas a esta operación e ao seu retraso no tempo.

A liquidacion das caixas
Comentarios