¿Limitar el poder por ley o en las urnas?

Limitar ou non os mandatos dos políticos. O debate é vello, pero volve estar de actualidade, avivado polo descrédito da política española. En Europa, a maioría dos países non teñen limitación, o contrario que en América do Sur e EE.UU.

O sistema político español non establece límites para a reelección dos cargos públicos, salvo os que impoñen os cidadáns nas urnas, do mesmo xeito que sucede na maioría de Europa, aínda que hai excepcións. Países como Austria, Bulgaria, Hungría, Irlanda, Lituania, Polonia, Chequia ou Finlandia limitan a permanencia no cargo dos seus presidentes a dous mandatos, pero non dos seus primeiros ministros nin do resto de representantes.

Foi América Latina onde se impuxo a idea de limitar os mandatos dos presidentes das nova nacións tras independizarse de España. Todas optaron polo sistema presidencialista, seguindo o modelo norteamericano, pero con provisións de non reelección, algo que en EE.UU.non se regulou ata 1951, limitándoo a dous mandatos, a regra non escrita respectada durante século e medio ata que Roosevelt a rompeu en 1940.

A maioría de países americanos foron, cos anos, introducindo cambios para esquivar esa limitación, que Simón Bolívar consideraba imprescindible para evitar a tiranía.

Na actualidade, só Guatemala, Honduras, México e Paraguai impiden a reelección absolutamente, mentres que outros como Chile, Costa Rica, O Salvador, Panamá ou Paraguai prohíbena se é consecutiva, e un terceiro grupo establece a limitación en dous mandatos: Arxentina, Brasil, Colombia, Bolivia ou Perú.

En Venezuela e Cuba, a reelección é indefinida. Hugo Chávez convocou e gañou en 2009 un referendo para poder gobernar indefinidamente -a morte impediullo- mentres Cuba leva o camiño contrario, xa que Raúl Castro anunciou unha reforma constitucional para limitar a dez anos os mandatos políticos. Un xiro sorprendente, que en España propugnan UPyD ou o presidente de Estremadura.

O LÍMITE PÓÑENO OS CIDADÁNS COS SEUS VOTOS
por JOSÉ LÓPEZ OROZCO,
alcalde de Lugo
HAI MOI DISTINTAS motivacións para participar dunha forma activa na política. Eu son dos que pensa que só merece a pena esa participación se se ten claro que a política é un servizo público á comunidade.

Para prestar ese servizo, nunha sociedade democrática, hai que someterse á vontade popular que se expresa a través das urnas. Para participar nas eleccións, faise desde un partido político ou ben desde outras entidades que teñan o amparo das leis electorais democráticas. Para iso é necesario, en primeiro lugar, contar co aval dos compañeiros dese partido ou da plataforma, o que se produce mediante procedementos moi diversos.

Pero o importante, o decisivo, é a elección popular. É a que dá a lexitimidade para ofrecer ese servizo público. Chegados a este punto é cando nos preguntamos: os mandatos electorais deben ter unha duración predeterminada e limitada no tempo ou deben durar tanto tempo como os cidadáns desexen?.Temos exemplos de todo tipo. En Portugal, por lei electoral, acábanse de limitar os mandatos. En España só son algúns partidos e cidadáns os que se plantexan esa limitación, xa que polo de agora non existe unha limitación legal.

Chegados a este punto quero facer unha reflexión persoal sobre o tema e, tamén, pido que se entenda como tal, que se vexa desde esa óptica persoal. Dito en román paladino, son eu o único responsable do que afirmo.

É verdade que, en ocasións, un pode estar tan encerrado dentro das súas ocupacións, proxectos e traballos cotiás que chegue a perder a perspectiva do que sucede o seu arredor. Por iso é necesario, cando alguén milita nunha organización política, que haxa regras craras e democráticas que dirixan a actividade pública desa organización. E, se hai unha norma que fale de limitación de mandatos, hai que cumprila. O mesmo sucede coas normas das primarias.

Os militantes son cidadáns que andan pola rúa, que traballan e conviven nunha sociedade concreta e que, polo tanto, respiran e recollen as aspiracións dos cidadáns. E intentan darlle cauce a esas aspiracións, necesidades e reflexións do seu contorno no seo da organización política a que pertencen. E, ademais, as sociedades evolucionan e avanzan, de xeito que o que hoxe era así mañá pode e debe cambiar.Por iso, os que estamos no seno dun partido político e lle debemos a esa organización a proposta para que os cidadáns nos elixan, temos que preguntarlle a esa organización, antes de calquera proceso electoral, qué debemos facer. Se hai limitación de mandatos está claro e cando non hai, qué pensades vós?

A política é esixente. Necesítase traballo en equipo, proxecto, ilusión, capacidade de ilusionar e ter uns principios nos que se asente toda canta acción se poida desenvolver. E, se se me permite, como dicía Felipe González, é tamén necesario que acompañe a saúde.

Se un o respecta o primeiro aserto que mencionei ao principio e, tamén, o que digo no párrafo anterior, non vexo que sexa necesario que se limiten os mandatos.Quén manda nas eleccións? Os cidadáns cos seus votos libres e democráticos. Eles sí que saben limitar un mandato.

ELITE, DEMOCRACIA E CORRUPCIÓN
por CARLOS AYMERICH,
profesor de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña

ADOITAMOS referirnos á crise da democracia cando tentamos explicar o descrédito da política, a desconfianza cara as institucións e o crecente afastamento cidadán dunha e doutras. E, porén, de que democracia estamos a falar?

Na súa expresión máis xenuina, a democracia é máis do que un procedemento para elixir gobernantes. Hai case 2.500 anos Pericles xa advertira, no seu célebre Discurso Fúnebre, que a democracia precisa da participación activa da cidadanía e que só pode participar quen teña tempo para tal, por tanto, quen non se vexa obrigado a dedicar as 24 horas do día a procurar o seu sustento. Non pode haber democracia sen unha mínima igualdade material. Coa desigualdade a democracia desaparece e vóltase á lei da Natureza, ao dominio do máis forte. Conscientes do risco de que a democracia (de demos, entendido como a maioría do pobo, excluídos nobres e grandes propietarios) dexenerase nun goberno oligárquico, os atenienses dispuxeron institucións como a limitación de mandatos, o exame previo dos candidatos, a rotación nos cargos, a dación de contas ao abandonalos, o mandato imperativo e a esixencia efectiva de responsabilidades. Todo, como ben se ve, de moita actualidade.De acordo con esta primeira idea, a democracia é un programa político -igualitario e participativo- e unha ética pública traducida en normas e institucións tendentes a impedir a consolidación de elites ou grupos que puidesen ameazar a soberanía popular. Entre elas, a limitación de mandatos.

Sei que esta noción de democracia, a que a identifica cun programa político igualitario e participativo, a que a concebe como un proxecto sempre en construción e alargamento constante a novos ámbitos -o traballo, a familia, as relacións entre os xéneros- non é defendida por PP e PSOE. Para eles a democracia é apenas un procedemento para o recambio de elites gobernantes que debe limitarse ao ámbito público, de cada vez máis reducido, sen se inmiscuir no mercado, de cada vez máis extenso. Para eles a democracia non é un proceso mais, pola contra, unhas institucións determinadas, intocábeis e indiscutíbeis. Para esta mal chamada democracia, que privilexia a gobernabilidade sobre a representatividade, a participación da cidadanía non debe ser promovida senón impedida e reprimida, tal e como Cataluña e Gamonal demostran.Non estraña, pois, que progresivamente vaian substituindo a democracia pola chamada gobernanza, ou sexa, polo goberno dos mercados. E unha democracia tal non precisa de instrumentos que preveñan a consolidación de elites políticas porque a súa finalidade é, precisamente, producilas. En consecuencia, o bipartidismo non sente necesidade ningunha nin de limitar mandatos nin de introducir calquera outra medida que permita afondar na democracia e combater a corrupción. E non o farán aínda que o prezo sexa caer en contradicións insalvábeis como a que existe entre a negación do mandato imperativo (e con el da posibilidade de revogación popular dos cargos eleitos) e o combate contra o transfuguismo. Ou, a maior de todas, a que media entre a proscrición da participación cidadá e o pranto, hipócrita, polo descrédito da política. Ao fin todo vale con tal de consolidar o poder dunhas elites que, como demostran imputacións e consellos de administración, é o poder dos bancos, eléctricas, construtoras e concesionarias a cuxos intereses serven.

CONTRA A LIMITACIÓN DE MANDATOS
por MIGUEL ANXO BASTOS BOUBETA,
profesor de Ciencias políticas na Universidade de Santiago

O MALESTAR crecente co funcionamento da clase política española e os conseguintes reclamos a súa rexeneración reabriron en España o vello debate da pertinencia de limitar os mandatos, sen que se especifique con claridade o alcance da súa limitación; tanto no que se refire ao periodo de tempo máximo como a cales serían os cargos afectados.Aínda descoñecendo estes termos quixera, neste breve espacio, expoñer as razóns que me levan a desconfiar da pertinencia de tal medida. En primeiro lugar; non hai probas de que nos países nos que se aplica, principalmente latinoamericanos e no caso da presidencia nos Estados Unidos de América, a corrupción, a falta de responsabilidade ou de transparencia sexan inferiores aos países do norte de Europa, por exemplo, onde esta medida non ten aplicación. Non hai evidencia algunha nen teórica nen práctica que nos indique canto ou como melloran as institucións democráticas por limitar o periodo de desempeño dun cargo. Non pode habelas por unha razón principal, xa que estas medidas poden fomentar todo o contrario ao que pretenden. Favorecen por exemplo en gran maneira a irresponsabilidade e a laxitude de condutas entre os políticos suxeitos a esta restrición, como poden comprobar os mexicanos ao fin de cada sexenio presidencial. Un político que non se pode presentar a reelección pode ter máis fácil caer na tentación de levar a cabo políticas disparatadas, ou incluso de incurrir en prácticas corruptas, que un político que ten que voltar a ser revalidado nas furnas, e que polo tanto ten que medir máis súas actuacións. Esta medida pode potenciar máis en concreto a colusión entre os poderes públicos e as empresas privadas, dado que o político pode buscar ter un sitio onde colocarse (el e máis o seu gabinete de técnicos e asesores que son os máis realmente afectados pola medida) cando remate seu mandato e polo tanto pode dar trato de favor a determinadas empresas a cambio de tratos de favor futuro cara el por parte delas.Pero a principal razón para oporse é sen dubida o perxuízo que fai ao bo discurrir da vida política democrática. Primeiro porque afecta a calidade dos políticos ó ter que prescindir deles cando comezan a dispor de certa experiencia no seu cometido e ao ter que ser sustituidos por personal de menor experiencia e probablemente de menores cualidades. A política parece ser a única ocupación na que a experiencia constitíe un demérito e na cal ser un diletante sen ningín tipo de experiencia é unha virtude digna de encomio. Pero non chegando con isto o límite de mandatos xera unha enorme inestabilidade tanto no proceso político como no administrativo, pois altera moi sustancialmente os seus ritmos de funcionamento. No ámbito da política establece loitas e guerras sucesorias que xeran tensións e incertidumes dentro dos gobernos e distrae aos aspirantes a sucesor, normalmente políticos de menor rango co sustituido, das súas tarefas e obrígaos a guerrear cos seus compañeiros de partido e de goberno. Os efectos nocivos na administración dánse porque altera o ritmo das administracións ao ter que mudar periodicamente de responsables, dificultando por tanto a adopción de medidas cun horizonte temporal a longo prazo.

O límite temporal aos políticos póñeno os electores cos seus votos, candoentenden que hai unha mala xestión césanos do seu cargo. Deixémoslles entón a eles decidir cando queren pór fin a unha carreira política.

Comentarios