jueves. 26.05.2022 |
El tiempo
jueves. 26.05.2022
El tiempo

Libros e gatos

En Lugo cadrounos desta volta a celebración (?) do Día das Letras Galegas coa sempre estimulante presenza dos casetos da Feira do Libro e poderíamos pensar que tal conxunción tiña que servir para beneficio das dúas: feira e letras galegas. Non sei se tan agradecida coincidencia chegou a producirse, polo menos na medida na que sería de desexar, pero as condicións para que así fose estiveron aí e non era un mal comezo para quen gardase esa esperanza, por máis que aínda non sexamos quen de definir cun mínimo de precisión cando chegará -se non chegou xa- ese futuro no que, segundo Alberto Manguel, o de ler non soamente será un acto de rebeldía, senón tamén un acto de supervivencia nun tempo no que, estando xa a piques de estragar o mundo natural, andamos a facer todo o posible para destruír o mundo intelectual.

Supoño que acontecementos coma estes que agora se dan na nosa cidade serven para espelir, polo menos unha miga, o casulo de resignación no que se nos envurulla para que vaiamos perdendo parte da nosa capacidade de aproveitar creativamente eses tempos de inacción aos que tan inxustamente se pretende enzoufar de desprestixio, se cadra porque tamén nos poden levar a nos facer preguntas e mesmo a procurarlles resposta. Así o debeu entender Antonio Reigosa e así o fixo saber no pregón co que inaugurou a Feira e no que moveu a literatura -esa «expedición á verdade» en palabras de Kafka- polos vieiros da actualidade social e política, facendo bo aquilo que Carlos Fuentes -tamén de actualidade, esta tristemente lutuosa- dicía ao tratar da globalización: «Non hai ‘globalidade’ que serva, sen ‘localidade’ que valla» e demostrándonos o pouco que certas cousas mudaron co paso do tempo ao recrear ‘O Gato con botas’, o clásico de Perrault, até facer cadrar a corte francesa do século XVII coas cortes de hoxe -eu diría que en calquera das súas acepcións- con certeira puntería, debuxo das posturas e, sobre todo, moitísimo sentido do humor.

E os libros pousados nos andeis agardaban que se cumprise o festín literario-gastrónomico ao que o pregoeiro nos convidaba mentres todos os asistentes gozabamos compracidos con canto a palabra pode ter de embaixada. Ou case todos...

De calquera xeito, e xa que a cousa vai hoxe de citas, volvamos ao xa amentado Alberto Manguel e digamos canda el que «sempre hai un un libro que por nós agarda, que en algún lugar dalgunha biblioteca hai unha páxina que foi escrita precisamente para nós.»

E que ninguén queda excluído.

Libros e gatos
Comentarios