Libres e responsables

EDUCAR significa formar a individuos libres para que, no exercicio da súa liberdade, actúen de maneira responsable. Ser libres implica ter unha vontade forte. Non se trata, pois, de facer o que nos dea a gana en cada momento, senón de, entre outras cousas, aprender a controlar moitos impulsos que, de non facelo, nos poden acabar escravizando ou danando o noso entorno familiar e social e, por tanto, tamén a nós mesmos ( é o que chamamos autodominio). E para aprender a ser libres, a ter o control sobre as nosas vidas, debemos progresivamente ir tomando decisións, equivocarnos e comprobar as consecuencias, asumir os nosos erros e reconducirnos, ou experimentar a satisfacción dos nosos éxitos. Estamos a falar da liberdade da nosa vontade, esa sen a cal nunca se nos podería atribuir responsabilidade ningunha.

Preocúpame a tendencia actual dos centros educativos de implantar sistemas de control e vixilancia cada vez máis excesivos ata idades moi avanzadas. Hai colexios en Inglaterra que teñen instaladas ata 20 cámaras, aseos incluídos. Aquí non chegamos, de momento, a eses extremos; pero si hai un interese crecente por impoñer desde as institucións educativas medidas cada vez máis controladoras: nos institutos de ensino secundario, empezouse por establecer gardas do profesorado nos corredores e no patio no tempo de lecer impedindo a saída do alumnado do centro, recentemente incluíronse tamén gardas  para ir recibilos ós autobuses escolares e para devolvelos a eles na saída (estou falando de prácticas que deben manterse ata os 16 anos!); e o último consiste en programas informáticos para alertar ós pais das faltas de asistencia ou do comportamento e realización das tarefas na aula en tempo real (aquí vai incluído tamén o bacharelato: ata os 18 anos!)… É posible aprender a ser libres e responsables nestas condicións?

A este respecto, quixera lembrarlles ós artífices de tales medidas que Jeremy Bentham deseñou o seu “panóptico” para centros penitenciarios, ou sexa, para persoas coas que a educación fracasara previamente. Debemos supoñer, pois, que as institucións correspondentes pretenden que os centros de ensino asuman a catástrofe social no tocante á educación, e apliquen como norma xeral algo que, en calquera caso, debería ser unha medida excepcional. Non nos queixemos logo de ter unha xuventude infantilizada ata os 40 e incapaz de desenvolver unha vida autónoma con sensatez. Precisamente da falta de autonomía do alumnado se lamentan xa os profesores universitarios, que se sorprenden ante a súa dificultade para manexarse sen pautas concretas e reiteradas. Estamos no camiño correcto?

Por outra banda, aumentando o control, non imos solucionar os erros educativos. Teremos que abordar con seriedade a raíz do problema e, antes ou despois, verémonos obrigados a pensar nos motivos que están provocando a grave dificultade que teñen moitos rapaces e rapazas para respectar a autoridade educativa de pais e profesores. A mala educación da xuventude non é máis que un síntoma da mala educación dos adultos ou da súa incapacidade ou preguiza á hora de transmitila, en caso de tela.

No pasado era a presenza do ollo de Deus e o medo a consecuencias desproporcionadas, e agora cambiamos iso por unha relaxación na esixencia do que debe ser unha boa conduta pretendendo compensalo cun teleobxectivo na caluga. E aquí está a clave, nesa neglixencia cos comportamentos irrespectuosos desde os primeiros anos da infancia ata a adolescencia, que non se corrixen por temor a ser demasiado esixente ou retrógrado en prol dunha liberdade individual moi mal entendida, porque a miudo se perde de vista que dita liberdade ha de ser pensada sempre dentro do marco da covivencia social. E así nos atopamos despois con aulas cheas de individuos escravos da súa “gana”, incapaces de practicar o respecto cara ós demais e de adaptarse ó funcionamento do grupo, tendo que asumir esta situación como normal.

Creo, ademais, que estas novas técnicas de control, aparte de equivocadas, degradan tanto a dignidade do alumnado como a do profesorado. A do alumnado porque, xeralizando este tipo de estratexias, estase privando a moitos rapaces e rapazas do dereito a medrar e a educarse nun clima de confianza e a ser tratados como suxeitos conscientes e non como obxectos; e a do profesorado porque se pensa neles máis como controladores que como docentes. Un centro educativo non é unha industria de producción en cadea e ese ambiente de control obsesivo resulta deshumanizador.

Pero a política de “parcheo” e a pouca seriedade coa que se tratan os temas educativos xa ven sendo o habitual nos tempos que corren… normas improvisadas en atención a intereses que nada teñen que ver co labor docente e solucións que pouco se corresponden coa natureza dos problemas.

Comentarios