As letras e a distancia

RECENTEMENTE tiven ocasión de volver achegarme á personalidade literaria de Uxío Novoneyra. Aconteceu con motivo do congreso que nesta semana organizou na Coruña a Real Academia Galega coa colaboración da Universidade e o Concello. A celebración do evento, en pleno ano Lois Pereiro -tamén ano Cunqueiro e ano Pintos- pode resultar estraña e extemporánea nunha cultura como a galega que, no que a Letras se refire, adoita cumprir o calendario con puntualidade. Sexan cales fosen as causas do atraso, o certo é que a celebración do Congreso Uxío Novoneyra transcorridos xa bastantes meses desde o 17 de maio puxo de manifesto unha vez máis a falla de perspectiva temporal, os intereses e a ditadura dos prazos que determinan a maior parte da produción sobre os autores homenaxeados. Neste senso, eu non vería mal pospoñer un ano ou dous algunhas das actividades programadas para a homenaxe, de xeito que nese tempo se puidesen ir dixerindo como cómpre as interpretacións e os achados que foron vendo a luz. Aínda que a repercusión mediática fose menor, o refestexo faría máis xustiza ao escritor ou escritora e evitaría tanto a saturación como os esquecementos posteriores.

Na mesa á que fun convidada no mencionado congreso tiven ademais a oportunidade de retomar un dos episodios máis polémicos dos últimos anos de Novoneyra, como foi a súa postura belixerante a respecto da normativa oficial. En intervencións públicas e mesmo nunha autopoética publicada no ano 1991 no Boletín Galego de Literatura, o poeta courelao amosou o seu rexeitamento do galego oficial como lingua literaria por consideralo un ‘idioma de laboratorio’ que excluía as diferenzas dialectais e se afastaba da lingua falada. A mesma desconformidade amosaba o escritor a respecto da normativa reintegracionista, considerada igualmente inflexíbel. Semellante actitude situábao fóra do debate normativo que se mantivera vivo ao longo da década dos oitenta, especialmente no seu primeiro lustro, ao tempo que lexitimaba a lingua literaria estreada n’Os eidos’ e elaborada coa materia courelá.

A postura disidente de Novoneyra e a contundencia das súas declaracións levantaron no seu momento ampolas nun e noutro bando. Recordar anos despois a súa actitude supón revisar unha visión excesivamente simplificadora da lingua literaria galega das últimas décadas. Facelo no salón de actos da Real Academia Galega, institución que o poeta sinalara como unha das responsábeis do galego oficial por el rexeitado, supón ademais un exercicio san de obxectividade e memoria. Talvez tamén neste caso a distancia sexa unha estratexia amiga. Talvez de vellos e encarnizados debates, de insubmisións e de resistencias xurdan ensinanzas de proveito e antídotos para non volver bater nas mesmas pedras nin desandar camiños.

Comentarios