Letanía para un ocaso

Dixeron: temos os mellores bancos do mundo, pero imos ter que fusionar algún. Despois, paseniño pero implacablemente, foron mudando o discurso: fusionaremos as caixas de aforro e, tal vez, algún que outro banco. Mais que nada por evitar o rescate, aínda que poderiamos ter que rescatar os casos máis graves. Non subirán os impostos; sería inxusto para a xente que xa está afogada pola crise. Se houbera que subilos non sería ata o ano que ven. So subiría o IVE, pero pouca cousa. Sería para evitar recortes; pero a educación e a sanidade, nin tocala. Se acaso, só se baixarían algo as becas e os pensionistas terían que pagar polos medicamentos. Para compensalos, aumentaremos as pensións para que non noten as novas retencións de facenda. Con estes axustes xa non deberiamos ter moitos máis problemas, aparte do paro, claro está. Hai algo de delincuencia, pero en Galicia, moi pouca. En Lugo e Ourense menos; como son provincias envellecidas, e os anciáns non se dedican a roubar nin atracar, apenas hai delitos. Os que hai son culpa das mafias estranxeiras, pero o problema e menor porque estes delincuentes non residen en Galicia e axiña que acaban de roubar, foxen; se acaso lles quedara algo pendente, volven.

Pero abonda con que novos e vellos tomen precaucións elementais, como pechar portas e fiestras. Os ladróns adoitan buscar cartos e xoias, aínda que ocasionalmente poden matar. Sobre todo se van borrachos ou drogados. Entón os xuíces son compasivos, e déixanos saír, por iso é máis seguro que a xente estea dentro, nas casas, con fiestras e portas pechadas. Se segue a crise e marchan tódolos inmigrantes, xa non haberá tales mafias; só teriamos delincuentes galegos, todo quedaría aquí. Porque o certo é que tamén hai galegos desalmados que, cando se drogan, rouban e matan; e como os xuíces deixaran libres aos estranxeiros, para ser xustos, tamén soltan aos que son de aquí, da terra. Así, evitan os xa coñecidos retrasos; porque non teñen xeito de ditar sentenza en menos de tres ou catro anos, e para ter que deixalos en liberdade provisional xa é mellor non abrirlles unha causa.

Malia todo, ten pinta de que todo irá a mellor. Aos rapaces agárdalles un gran futuro; para iso xa están a argallar os políticos, para facer máis con menos. Subindo as pensións e baixando os impostos, ou ao revés, que o que importa é que cadren as contas. Se non cadran, podemos botarlle a culpa aos mercados, a Merkel, a quen sexa. Buscaremos solucións innovadoras. Axiña que teñamos desmontadas as caixas de aforro, que era o máis semellante que había a unha banca pública, en mans de políticos, sindicalistas e xestores incompetentes, montaremos unha nova banca pública, como demanda unha parte da esquerda. Final: pasei uns días na compaña de Dani, de oito anos, e Alejandro, de cinco; viñeron preguntarme que estaba a escribir; díxenlles que era unha historia que entenderían logo que medraran. Pero, como faría calquer político, eu conteilles mentira. Cando sexan adultos, eles tampouco comprenderán. O que nos está a pasar, aquí e agora, é un gran misterio.

Comentarios