Ler noticias no verán

NON adoita ser o verán un tempo moi agradecido para a información, fóra do que son sucesos inesperados, case sempre de cariz dramático e, por suposto, de escenificacións políticas, macroeventos relixiosos e noticias de sociedade varias. Unhas e outras novas, mesmo aquelas verdadeiramente transcendentes, son moitas veces recibidas con demora nunha época que altera os ritmos cotiáns e convida á preguiza, ao afastamento da realidade e a unha inconfesábel resistencia a asumir calquera información de signo negativo. Así foi como quen escribe estas liñas recibiu, por exemplo, con atraso e incredulidade, a nova dos terríbeis atentados de Oslo, acontecidos no inicio dunhas xornadas festivas. A realidade semella en ocasións bater con crueza para nos recordar a vulnerabilidade: a nosa e, no caso mencionado, a da historia.

Entre as persoas afeccionadas a ler noticias no verán existe toda unha tipoloxía de preferencias e estilos. Particularmente curiosa pareceume a que nunha ocasión confesou no seu blog o profesor Arturo Casas, quen afirmaba ter por costume dedicar uns días de agosto á lectura de prensa atrasada á que no seu momento non lle puidera prestar a atención debida. Nesa lectura peneirada polo tempo dicía descubrir matices sorprendentes modulados as máis das veces polas derivas da actualidade, que talvez algún día nos queira relatar coa ironía que lle é propia nalgún foro. Semellante entretemento gustaríalle, de seguro, a Cunqueiro, ávido lector tamén de noticias novas e vellas, que non se había resistir a imaxinar e mesmo se cadra a asinar desenlaces insólitos e titulares abraiantes. Con ben menos imaxinación que o mindoniense tamén eu teño practicado algún dos pasatempos que a información, privada da súa función primeira e tamén de calquera dramatismo, ofrece. O enredo consistiu no meu caso na lectura de titulares de xornais en linguas para min incomprensíbeis tentando reconstruír o sentido da información, tanto da de carácter internacional -nivel de iniciación- como a da de carácter local. O xogo, doado de practicar por exemplo en quioscos de zonas turísticas, permite intuír estratexias empregadas na transmisión da información e deixa ao descuberto paixóns e miserias do xénero humano.

Sexan cales sexan as técnicas de lectura, e mesmo cando se trata de exercicios lúdicos como os que estaba a comentar, hai noticias coas que resulta imposíbel non bater. Acontecen día si día tamén e en moitos países nin sequera son noticia. A violencia contra as mulleres segue a ter un oco macabro nas portadas dos xornais e segue a xerar unha vaga de comentarios que pouco levan axudado a erradicala. Tamén este verán, ante o estupor, a ineficiencia e algunha que outra malintencionada declaración proclamada desde os púlpitos.

Comentarios