Leña

AS DESFEITAS causadas polo temporal sacaron outra vez á luz a necesidade de contar en Galicia, e sobor de todo en Lugo, cun sector forestal forte, estructurado e que sirva de motor á economía. Unha vez máis, saiu á palestra a sempiterna comparación entre o que se fai
en Suecia e o que se podería facer na nosa provincia, tendo en conta que aquí contamos cun clima máis benigno e cunha maior variedade de especies arbóreas.

Precisamente, falando días atrás co meu amigo José L. Vázquez Expósito, enxeñeiro forestal, explicábame que o rendemento de madeira en metros cúbicos dos montes galegos é máis do dobre do sueco e, xa que logo, bastaría con facer un aproveitamento racional da nosa superficie para poder contar cunha puxante industria tanto de obtención de madeira como de transformación en forma de mobles.

Á vista deses datos, semella que aquí temos unha mina de ouro e que só habería que aplicarse para poñela a funcionar. Pero, como soe ser habitual e non ía ser este caso unha excepción acordámonos de Santa Cecilia cando o bombo desafina. Así, houbo que
esperar a que os piñeiros e eucaliptos destinados a converterse en bonitas estanterías e táboas de encofrar quedaran feitos viruta para decatarnos que é preciso crear un cluster ou un holding ou incluso un lobby que convirta a piñaza en euros.

O das especies autóctonas xa é outro cantar. Quizá por ser autóctonas de Lugo, aguantan mellor e con máis resignación as sucesivas desgrazas tal como facemos as persoas. Talar un carballo ou un castiñeiro require máis trámites burocráticos dos que a paciencia humana pode aturar polo que haberá que agardar a que haxa exceso desas especies para poder montar unha industria ó seu arredor.

En calquera caso, pasarán anos ata que Lugo volva producir toda a madeira que se perdeu durante o temporal.

Os ingresos que a maioría de comunidades de montes tiñan pensado obter pola venda das súas masas arbóreas esvaecéronse en dous días de vento. O único bo é que as cociñas de leña teñen combustible para unha década.

E non se trata só de que os comuneiros deixen de ingresar os cartos que os piñeirais ían dar. Ademais deso, están tendo que pagar para que lles limpen o monte de todos eses ramallos e, co que gañen vendendo o que se salvou, non lles da para pagar a quen limpa o terreo.

Teremos que empezar case de cero se queremos contar cunha industria luguesa da madeira forte e estruturada.

Tal vez a desfeita sirva para que empecemos a facer as cousas mellor que ata o de agora.

Comentarios