"Lembrar a miña avoa non abre feridas"

O Teatro Principal acolleu onte unha homenaxe ás mulleres represaliadas no Franquismo. Asasinadas, presas, rapadas ou viúvas aguantaron anos de silencio e esquecemento
Momento da homenaxe no Teatro Principal de Pontevedra
photo_camera Momento da homenaxe no Teatro Principal de Pontevedra

Era no cuartel dos ‘cívicos’, nun dos baixos da rúa Benito Corbal, onde as milicias armadas paramilitares adoitaban rapar ás mulleres de Pontevedra. Xusto debaixo da casa de Josefina Arruti, muller do que fora alcalde de Pontevedra, Bibiano Fernández Osorio-Tafall. Por alí pasaron mulleres como Custodia Gama Casalderrey, retida e rapada por non revelar onde se agochaban os seus irmáns. Ou como Estrella Portela, á que lle tatuaron a fronte, lle raparon o pelo e lle encheron o corpo de golpes para que dixese onde estaba o seu mozo.

"Para a xustiza e a dignidade nunca é tarde. Para a memoria nunca é tarde"


Josefina, Custodia, Estrella e outros centos de mulleres foron homenaxeadas onte polo Concello de Pontevedra nun acto que tivo lugar no Teatro Principal. A cita tivo lugar dentro do proxecto 'A Memoria das Mulleres', que busca recuperar as biografías de todas as que padeceron a barbarie do réxime de Franco no municipio pontevedrés. "Sabemos que para algunhas delas xa é tarde, que nos deixaron sen ter a oportunidade de participar nun acto coma este. Mais para a xustiza e a dignidade nunca é tarde. Para a memoria nunca é tarde", dixo o venres o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, durante o acto. Na homenaxe participou o edil de Patrimonio, Luís Bará, a xornalista especializada en memoria histórica Montse Fajardo; a concelleira de Igualdade, Carmen Fouces, e familiares dalgúns dos represaliados.

Dende que mataron ao seu home en agosto de 1936, Isolina Villaverde non volveu pisar unha igrexa. Viviu o resto da súa vida nun silencio "íntimo e resistente", tal e como o recorda a súa neta, Mari Carmen Lores, que participou no acto. "Lembrar a Isolina non abre ningunha ferida. Por iso, case 80 anos despois, grazas", dixo a neta da represaliada ante un ateigado Teatro Principal.


CRIMES. Na relación de atrocidades coa sinatura do Franquismo, aparecen asasinatos, como o de Carmen Pesqueira ‘A Capirota’, cuxo corpo mutilado foi paseado polas rúas. Ás irmás Aurora, Nicereta e María Padín, alcumadas As Corseteiras, detivéronas por agochar e prestar apoio a fuxidos partidarios da II República. A súa historia tamén foi lembrada no acto de onte por Laura Expósito.

Outras foron rapadas polo mero feito de seren mulleres, nais ou fillas de partidarios da República. A Encarna Silva, por exemplo, fixérona inxerir aceite de ricino pola súa relación co vicepresidente do Partido Socialista por aquel entón, Santiago Bazarra. Aurelia Garrido, pola súa parte, tivo que pasear polas rúas máis céntricas da cidade aturando que os veciños lle lanzasen lixo despois de que lle raparan a cabeza. Cometera o ‘delito’ de manifestar o seu rexeitamento aos sublevados.

Moitas mulleres foron dende as súas casas até o Concello de Pontevedra para defenderen a República tras o Golpe de Estado do 1936: as "guerrilleiras na chaira"


Os fascistas amosaban especial odio polo sexo feminino, como pode comprobarse no informe policial de Otilia Meis: "Con motivo de ser imbécil no se puede precisar su ideal, concurría a las manifestaciones por inducción, era afecta al comunismo porque se dejaba influir por personas que la aconsejaban".

Porén, moitas mulleres foron dende as súas casas até o Concello de Pontevedra para defenderen a República tras o Golpe de Estado do 1936. As "guerrilleiras na chaira", tal e como denominou Montse Fajardo ás mulleres que protagonizaron a homenaxe, requisaron armas aos sublevados e empregaron as ferramentas que tiñan a man para defender o Concello. Foi o caso de Amalia Sobral, Carmen Abuín, Maruja Fandiño, Jesusa Domínguez, Hermosinda Blanco ou María Rodríguez.

Tantos anos despois, Pontevedra tinguiuse de recordo para rescatar as vidas daquelas mulleres cuxas idesas e valores "son tan necesarios nos tempos que corren", tal e como apuntou Lores.

Delas quedan agora imaxes en branco e negro, como a de Cinta Rey á beira da árbore contra a que fusilaron ao seu fillo, Víctor Casas. A imaxe tomouna Amalia Álvarez, viúva de Alexandre Bóveda, outra vítima máis do horror que estenderon os falanxistas.

Comentarios