Jueves. 15.11.2018 |
El tiempo
Jueves. 15.11.2018
El tiempo

A lembranza de Manuel María enche Santa Isabel de música e versos

Algúns dos participantes no Convivio da Cultura Galega, na carballeira de Santa Isabel
Algúns dos participantes no Convivio da Cultura Galega, na carballeira de Santa Isabel
Centos de persoas reuníronse na carballeira de Outeiro de Rei nunha xornada festiva

A carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, volveuse encher este sábado de persoas dispostas a render tributo a Manuel María unha vez máis, a lembrar os seus poemas e a celebrar con música o seu legado. 

O Convivio da Cultura Galega, impulsado pola Casa-Museo Manuel María, Galiza Cultura e a asociación Solfa reuniu en Outeiro de Rei centos de persoas vencelladas á música e á literatura que desfrutaron dunha xornada festiva ao tempo que honraban a memoria do poeta da Terra Chá. 

A xornada comezou cunha ofrenda no cemiterio de Outeiro, onde está enterrado Manuel María. A súa viúva, Saleta Goi, depositou unhas flores na súa tumba e os presentes interpretaron o Himno Galego acompañados por unha gaiteira. 

A continuación, desprazáronse ata a carballeira de Santa Isabel, onde actuaron a banda de música de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei, a banda xuvenil da Escola de Música de Rianxo e a coral e a banda da asociación Solfa, de Santiago de Compostela. 

Foi especialmente aplaudida a actuación dos músicos de Rianxo, acompañados por un coro de alumnos de primaria do CEIP Ana María Diéguez, que prepararon un repertorio baseado nos textos do libro ‘Os soños na gaiola’, de Manuel María. 

Á hora do xantar ninguén marchou e compartiron merenda á beira do Miño. Na sobremesa houbo foliada, con polo menos dez grupos de estilos moi diversos e espontáneos que non deixaron decaer a festa. 

A xornada pechouse cun concerto de Uxía, que interpretou os temas que en outubro gravou na casa de Manuel María, composicións musicais inspiradas nalgúns dos textos do autor.

A lembranza de Manuel María enche Santa Isabel de música e versos
Comentarios