Lembrando a Del Riego

MORREU DON PACO del Riego. E perante a folla en branco as lembranzas acugúlanse e teiman en sair unhas dacabalo das outras como nunha fervenza. Pero compre coller o fio e debo referirme á derradeira vez que o vimos, a comezos do verán do ano 2008. Fomos adrede até Vigo visitalo no seu despacho da Fundación Penzol. Estaba perfectamente lúcido e falador, ainda que xa un pouco tristeiro. Tiña moitas dificuldades para ler, segundo nos dixo, mesmo coa lupa que o acompañaba no seu quefacer diario. Preguntoume pola saúde e lembrou outros detalles do pasado e tamén das miñas inquedanzas, con amabilidade, nunha primeira parte da conversa, algo que deixou estantio a quen me acompañaba. Logo, coma sempre, tivemos oportunidade de informarnos sobre algúns persoeiros da emigración americana nos que estábamos interesados a aquela altura.

De regreso, camiño de Santiago fumos furgando na memoria: a colección de artículos seus na páxina de letras do ‘Faro’ asinados como Salvador Lorenzana -que ainda conservo-, os diversos encontros, un par de conferencias en Ribadeo con posterior e agradable cea, asolagada de infinita sabedoría, punxente humor e infinda cordialidade. Nunha delas, camiño do restaurante pasamos ao carón do Teatro da vila, no que el falou con Castelao e outros en 1933, moi noviño e ainda estudante de Dereito en Compostela. Rememorou aqueles anos don Paco, urxido pola nosa curiosidade xuvenil e un algo de afouteza, que realmente non o era, porque a diferenza de outros moitos persoeiros que fomos convidando a aquela serie case infinita de conferencias, que eran quen de convidar multitudes, en principio atraídas polo imán da clandestinidade, pero logo gañadas pola palabra, sincera auténtica e elocuente. Deciamos que a proximidade, coa sua dose de informalidade e de confianza, era ao cabo un pouso que tardaba en esquecerse. E que permanece. Anos despois soubemos que unha das ponlas dos seus ancestros procedia de Ribadeo, concretamente de Cedofeita. Unha mágoa non sabelo daquela.

Pero xa que estamos rendendo homenaxe a unha persoa de múltiples saberes, actividades e afeccións, pero entre elas os libros en lugar destacado, sinalemos para comezar o parágrafo, aquel sonado título do actual presidente da Real Academia Galega, ‘Elipsis e outras sombras’, en cuxa primeira edición a censura anulou o relato que lle dá nome ao volume. Pois ben, collámolo prestado para referirnos ao capítulo real de unhas e outras, pero non suas, senón máis ben proxectadas. Moitos sinalaron a sua adscripción ao Partido Galeguista e tamén á Fue, entre infinidade de detalles biográficos, pero case todos esqueceron unha militancia, situada nos anos sesenta do século XX, a do antigo Partido Socialista Galego, nas suas orixes, ou sexa na clandestinidade. Os silencios, que son consubstancias á arte musical, folgan no xénero biográfico e mesmo no haxiográfico. Trátase dunha pinga no inmenso perfil de Del Riego; é a omisión a que a fai rechamante.

Comentarios