Lembrando a Carballo Calero

CON ocasión do Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Ramón Piñeiro, un meu amigo, documentalista e crítico, maniféstame a sua extrañeza polo que el xulga preterición da figura de Ricardo Carballo Calero na prelación de dedicatorias, de xeito que, baixo o seu cordial requerimento, resumirei aquí un mangado das miñas lembranzas.

En agosto de 1989, Ricardo Carballo Calero ocupaba a tribuna da Agrupación Cultural de Ribadeo con ocasión da inauguración da XX Feira do Libro Galego. Titulou o seu parlamento cun ocorrente A poesía galega e o cometa Halley. Coidamos que foi a derradeira conferencia da súa vida. A enfermidade aniñaba xa nel, aínda que non até o ponto de embafar a maxistral lección:aquel alarde de precisión científica adobiado en requintada oratoria, o don da palabra, o eco de outros tempos, as boas maneiras, a cabaleirosidade, a medida elegancia... Non era a primeira vez que falaba en Ribadeo, nen tampouco a nosa ocasión de escoitalo: mesmo chegamos a participar co mestre —con grande azougamento—, nunha mesa redonda con ocasión da presentación do libro Castelao. Contra a manipulación editado en 1984 pola Federación de Asociacións Culturais.

Pero voltando ao bulideiro Ribadeo cultural de aqueles anos, Carballo enviou un traballo para un libro memoria da Agrupación Cultural, compuxo un fermoso texto para o programa de man de Beiramar, de Armando Cotarelo, con motivo da sua representación e nun dos boletins da Feira do Libro apareceu un artículo no que estudaba un traballo en galego do ribadense Justo Pico de Coaña.

Mais para mellor compor este rexistro persoal, compre engadir que a relación de Carballo coa vila de Ribadeo tivo un episodio moi anterior e revelador tanto do seu carácter como o do historiador local Francisco Lanza, xa que se trata da correspondencia entre ambos. Lanza, como Carballo, pertenceu ao Seminario de Estudos Galegos e, no que queda do arquivo desta institución, consérvanse algunhas das cartas cruzadas entre o ribadense e os directivos do Seminario relativas aos traballos enviados para publicar. O preceptivo para o ingreso aportado por Lanza foi Ribadeo baixo o señorío dos seus condes que vería a luz en Arquivos a importante publicación do SEG. Pois ben, en carta do 10 de marzo de 1928 enviada a Carballo escrebe: "O que si me gostaria caso de se imprentar o dos condes é que non lle modifique o título na forma en que vosté o cita. É posible que do xeito que eu o escrebin pareza que é redundante, pero considéroo mais preciso e claro".

Non se conserva a anterior carta de Carballo, pero é doado deducir o seu contido. A Lanza animábao un afán didáctico presente en toda a sua obra e ainda recoñecendo a redundancia mantivo o título e así se publicou. Pero o proido perfeccionista de Carballo Calero ao que se ve moi esperto en época tan temperán —tiña dezaoito anos—, tamén se saiu coa sua xa que o estudo foi inscrito no libro-rexistro do Seminario como Ribadeo baixo os condes.

Comentarios