A lei Wert e o condutor bébedo

curso académico, que ten aínda abertas actas e algunhas aulas universitarias neste caloroso mes de xullo, achégase ao seu final. Atrás queda un ano de protestas, tensións e incertezas derivadas de dúas frontes abertas e fatalmente aliadas. Unha delas, a dos recortes orzamentarios, transcende o ámbito académico pero non fai, ao contrario do que sería desexábel nun estado desenvolvido, excepción ningunha con el. As directrices que configuraron un escenario cru no que hai tempo que os criterios mercantilistas viñeron para se quedar, seguirán deixando consecuencias graves, nalgún caso irreparábeis, nos diferentes colectivos que integran as comunidades educativas. Os efectos causados pola outra fronte non son moito mellores para o ensino público, que ve ameazadas as súas garantías. Refírome, por suposto, á aprobación da reforma educativa, a Lomce, coñecida para gloria ou deshonra do seu impulsor como lei Wert, e cuxas mudanzas e aberracións son no esencial coñecidas.

A tramitación da Lomce foi un dos moitos exemplos de empecinamento aos que asistimos na historia lexislativa recente, ao tempo que unha das grandes mostras da soidade política dos seus valedores. As reaccións a esta foron contestadas con oídos xordos, cando non co descrédito de quen as expresa, por veces na única linguaxe e foro do que dispón. Unha vez máis, a aprobación dunha lei, e en concreto dunha lei educativa, semellouse ao coñecidísimo chiste do condutor bébedo que, advertido de que está a circular polo carril contrario da autoestrada, turra en que non é o seu o vehículo que vén de fronte senón todos os demais. Lembrar a brincadeira do borracho na autoestrada resulta ben menos doloroso que enumerar as múltiplas peaxes que esta lei está a pagar, ou a viaxe cara atrás pola estrada do tempo que comporta.

O acordo ao que esta semana chegaron os grupos da oposición, agás UpyD, no que se comprometen á derrogación da Lomce no momento no que o Partido Popular abandone o goberno, abre unha ventá á esperanza para aquelas persoas que cremos no dereito a unha educación pública, igualitaria e laica. A inminencia coa que, segundo o pacto, se levaría a cabo a derrogación botaría da autoestrada o temerario condutor para recuperar, segundo se promete, un consenso amplo tanto do parlamento como da comunidade educativa. Non obstante, e con independencia do que aconteza no futuro político, o sistema educativo queda danado logo deste último texto no que se abriron portas que moita xente cremos definitivamente pechadas. As constantes reformas e contrarreformas no eido educativo proxectan unha imaxe de inestabilidade que resulta moi pouco oportuna nun momento de debilidade económica como o que vivimos. A educación está a demandar desde hai tempo marcos estábeis e compromisos de financiamento, e non peaxes nin condutores suicidas.

Comentarios