Lecturas para compartir con el mundo

Máis de 40 alumnos do CPI Virxe do Monte de Cospeito e do Ceip Ramón Falcón de Castro de Rei participan no programa Voluntariado de Lectura A, unha iniciativa que busca impulsar propostas colaborativas dende a biblioteca escolar
Una niña del Ramón Falcón lee a dos mayores de la residencia San Xoán
photo_camera Una niña del Ramón Falcón lee a dos mayores de la residencia San Xoán

Compartir a paixón polos libros, facer gozar a outros coa lectura e fomentar o intercambio interxeracional son algúns dos obxectivos que persegue o programa de voluntariado de lectura que promove a Consellería de Cultura e Educación conxuntamente coa Consellería de Traballo e Benestar, e no que neste curso participan máis de 40 alumnos do terceiro ciclo de primaria de dous centros educativos da comarca, o CPI Virxe do Monte de Cospeito, que repite experiencia, e o Ceip Ramón Falcón de Castro de Rei, que se sumou por primeira vez a esta iniciativa.

En ambos colexios, os escolares participantes asumen diferentes tarefas relacionadas coas letras, que van dende colaborar na biblioteca do centro ata participar en saídas programadas para compartir lecturas en escolas infantís, residencias de maiores ou centros de día.

No CPI Virxe do Monte son 32 os estudantes de quinto e de sexto de primaria que este ano se sumaron a esta iniciativa formativa e solidaria que desenvolven en dúas modalidades, denominadas Ler con F e Ler con D, que están coordinadas por un equipo de catro persoas á fronte do que está a responsable da biblioteca do centro educativo, Carmen Pardo.

En Ler con F, o efe implica fóra, o que quere dicir que os alumnos apostan por saír do centro para compartir o seu tempo e unhas lecturas tanto con nenos pequenos da escola infantil de Cospeito como cos maiores do centro de día Vila de Valverde, en datas sinaladas coma o Nadal, o Día da Paz a Semana da Prensa ou o Día do Libro.

Para cada ocasión, escóllense textos acordes coa efeméride en cuestión, polo que por exemplo a pasada semana, coindindo coa conmemoración da Semana da Prensa, escolleron diferentes noticias que logo repasaron cos seus interlocutores. Na gardería, dada a curta idade do público, amosáronlles fotos de noticias nas que os pequenos saían nos xornais e no centro de día repasaron a actualidade galega.

Na modalidade Ler con D, as actividades son dentro do centro e os rapaces acoden ás clases dos compañeiros de menos idade para ler relatos relacionados coa data que se conmemora, coma contos de medo en Halloween ou artigos na Semana da Prensa.

No Ceip de Castro de Rei son unha decena de nenos e de nenas, dos que cursan quinto e sexto, os que se sumaron a esta iniciativa da que se responsabiliza Beatriz González, coordinadora da biblioteca, xunto con César Río, o titor dos alumnos.

Os escolares colaboran con regularidade na biblioteca do centro, que está a ser reformada, prestando libros, aconsellando aos lectores ou axundado a catalogar os volumes. E para que saiban como funciona unha biblioteca pública, os mestres queren levalos á de Lugo antes de que remate o curso.

Tamén lles len aos compañeiros de anos inferiores e teñen previsto facer varias saídas ao longo do ano. Así, xa foron visitar aos maiores da residencia da terceira idade San Xoán de Castro de Rei e colaboran coa biblioteca municipal, onde teñen pensado facer unha sesión de contacontos aberta a toda a veciñanza.

Este é o segundo ano no que dende a Xunta de Galicia se pon en marcha esta iniciativa, coa que se persegue fomentar o voluntariado cultural entre os máis novos, así como potenciar as habilidades sociais, o traballo en equipo, a adquisición de responsabilidades, a autonomía ou a competencia lingüística dos escolares que exercen de voluntarios culturais dentro e fóra dos centros educativos.

Comentarios