Laura Alonso: ''Si al final canto delante del Papa en Compostela le diré algunas cosas en alemán''

Laura Alonso láiase de que a educación musical non estea desenvolvida en Galicia. Atribúe a iso que os profesionais galegos teñan que marchar, como fixo ela, para poder triunfar na clásica. Esta soprano estivo estes días gravando un disco en Pontevedra. "Foi un traballo duro, pero penso que quedará ben", apunta a respecto deste álbum que recolle música da francesa Pauline Viardot. O traballo, que se desenvolveu no Auditorio de Caixanova en Pontevedra, foi rexistrado por Pablo Barreiro, a que Laura Alonso chama "San Pablo" porque "é a salvación de todos os músicos galegos".

Que lle interesou de Viardot para gravar repertorio seu?
O meu pianista, Manuel Burgueras, que tocou durante vinte anos con Montserrat Caballé, atopou esas cancións en París e non estaban gravadas. Viardot sempre me interesou porque foi unha gran cantante e unha gran compositora.

Ten vostede un disco, 'Col sorriso d'inocenza' no que recupera arias poucos coñecidas e agora traballa con Viardot. Gústalle reivindicar pezas inéditas?
O que penso é que recuperei moita música galega, sinto devoción pola música en galego de compositores galegos ou non, pero que escriben en galego, como Antón García Abril.

Esa defensa da música galega concretouse no disco 'Lúa descolorida', o terceiro seu con composicións do país.
Si, nese álbum incluín 'Cancións  xacobeas' e 'Catro cancións galegas', de Antón García Abril, que estaban sen gravar. Intento reivindicar a música galega nos concertos. Agora vou recibir o premio Ruhr 2010 en Essen (Alemaña), que será capital cultural europea, e alí vou cantar en galego. A canción popular galega ten unha caída como a portuguesa e gústalle a todo o mundo.

Canta en galego de xeito distinto a cando o fai en inglés, alemán ou francés.
Non, o único que hai que ter en conta é que as cancións populares non poden cantarse de xeito operístico, senón de xeito popular e coa maior sinxeleza posible. Resulta máis fermoso se non se cantan do xeito histriónico no que se canta a ópera. Hai xente que o fai e non queda ben.

A crise da música está afectando tamén á clásica?
En España non é como no resto de Europa. A min non me afectou ao traballo, pero o que si é certo é que hai menos presuposto para os teatros e tamén para as orquestras.

Por que fai esa diferenzación entre España e Europa?
Ben, non sei como explicalo... en Alemaña sempre tiveron os presupostos axustados e vixilados. Vixian ata o euro, pero sempre foron así.

Alemaña ten outra vantaxe para os profesionais da música: Berlín é o maior centro de contratación de Europa.
Si, é importante estar en Berlín porque ofrece moitas oportunidades.

É o centro cultural europeo no campo das artes plásticas, ignoro se está pasando o mesmo coa música clásica.
En Berlín viven 9.000 pintores porque é unha cidade barata e ten tres teatros de ópera funcionando todos os días coas mellores orquestras do mundo. E fun para alí contratada na ópera e quedei.

A maiores de residir en Berlín, non descoida as innovacións e mantén perfís en MySpace, Facebook e Twitter.
Internet é un xeito de difusión moi interesante. As descargas masivas son terribles, pero internet permite que te coñeza a xente sen ter que pagar prezos altos.

Moitos músicos galegos están vivindo fóra. É necesario marchar de Galicia para triunfar?
Todo está preparado para iso. Debería mellorarse a formación para poder estudar en Galicia.

Os seus anos en Lugo foron importantes.
Si, vivín aí ata os dez anos. O meu pai era director do instituto da Virxe dos Ollos Grandes e a miña irmá Lucía actualmente dá clases no Lucus Augusti. Hai moito que non vou por Lugo, pero é  moi especial.

Volverá a Galicia para cantar diante do papa Bieito XVI?
Pois aínda non o sei, pero de darse o caso podería dicirlle unhas cousas en alemán.

Comentarios