''Lástima de rapaza, sempre peneque!''

Jean Leon con Zsa Zsa Gabor e Pete Rugulo en La Scala.
photo_camera Jean Leon con Zsa Zsa Gabor e Pete Rugulo en La Scala.

Medio século despois da súa prematura morte, a icónica imaxe da marabillosa loura parva que se construíu Norma Jean Baker segue a ser aditiva. O xornalista Xavier Navaza tece unha crónica dos galegos do exilio americano arredor de Marilyn.

Que lástima de rapaza, tan guapa, tan luminosa, co mundo aos seus pés e sempre peneque!». Xavier Navaza cita, palabra arriba palabra abaixo, as impresións que levaron os galegos do exilio mexicano que compartiron uns días coa muller máis desexada do momento -e case que de todos os tempos- a finais do inverno de 1962. Ao cineasta Carlos Velo ou a Luís Soto ou Elixio Rodríguez, intelectuais acollidos polo réxime de Lázaro Cárdenas logo da Guerra Civil española, presentóuselles Marilyn Monroe da man dun alevín de director de cine con orixes en Burela chamado Pepe Bolaños.

Recolle Navaza en ‘El último amante de Marilyn’ (Alvarellos) como se atribúe a Bolaños ser a derradeira conquista da marabillosa loura parva que seducía en 35 milímetros coa súa ollada miope e a cadencia sexual das súas coxas. Ela tiña 36 anos, o seu matrimonio co dramaturgo Arthur Miller naufragara porque el namorou dunha fotógrafa con pedigrí intelectual. Marilyn cobizaba un lugar no Hollywood máis sesudo e comprometido, e era consciente de que o rol frívolo de muller obxecto tiña data de caducidade.

Marilyn cruzou o río Grande coa excusa de comprar mobles para a mansión que acababa de estrear, pero, sobre todo, o que precisaba era poñer terra de por medio.

O playboy de ocasión da Norma Jean que fuxiu a México con toda esa bagaxe tiña case dez anos menos ca ela, fixera algún traballo como guionista e fora alumno de Carlos Velo na escola de cinematografía mexicana. Foron unhas semanas de excesos de alcoba, alcohol e cocaína pola capital mexicana, segundo os testemuños recollidos por Xavier Navaza.

Apenas un affaire que a Pepe Bolaños lle serviu para presentarse na cerimonia dos Globos de Ouro do ganchete da muller máis desexada, que en 1962 recibía da prensa estranxeira en Los Ángeles un galardón como a estrela máis querida en todo o planeta. Logo desa gala, a loura deixou na estacada o neto do burelao.

Foi a única pica en Hollywood que puido poñer Bolaños, quen quería ser cineasta e viu o ceo aberto da meca do celuloide na súa ocasional compañeira de cama.

Conta Xavier Navaza que os galegos do exilio mexicano, que formaban parte do círculo de amizades e relacións de Bolaños, tiñan o mozo por un rapaz ambicioso coa cabeza algo nos biosbardos.

E así, Bolaños anceiaba facer un filme sobre a revolución mexicana desde onde o deixara o ruso Einsestein, nin máis nin menos. E acabaría por levar ao cine o ‘Pedro Páramo’ de Juan Rulfo, «unha adaptación -igualmente fallida- que tamén fixera Carlos Velo, que era íntimo amigo de Rulfo, e que tiña a mestre e alumno algo picados», confesa Xavier Navaza.

Outra teima que tanto Carlos Velo coma os demais galegos de México D.F. desaprobaban do breve amante de Marilyn foi a súa desafección de todo o que tivese que ver con Galicia. Porque Bolaños, de Burela, o porto no que naceu o seu avó parterno, conservaba unicamente o apelido.

«Polo que souben, Pepe Bolaños non tivo relación coa súa familia paterna e foi criado polos avós maternos... Non quería saber nada nin de Burela nin de Lugo nin de Galicia; el era un patriota mexicano e renegaba cando Velo o Luís Soto lle falaban de que o apelido Bolaños era dunha das máis importantes linaxes de Lugo, emparentada cos Ribadeneyra e con tanta penetración en toda a provincia e no interior de Galicia...», explica o autor, veterano do xornalismo galego e natural de Lalín.

O neto do burelao tiña aspiracións artísticas, pero non se deu quitado a lousa de ter sido o capricho de Marilyn, como ela non se daba desprendido do rol de loura parva que se fabricara para deixar atrás a coitada Norma Jean.

«Bolaños sempre viviu co conto de Marilyn, adquiriu certa sona de sedutor e casou varias veces, con algunha actriz moi famosa; fixo cine, pero frouxo», di Navaza.

Porén, Pepe Bolaños foi un cabaleiro e elegante en todo o que respecta ao seu romance coa meirande celebridade da idade de ouro de Hollywood. Uns poucos meses despois, Marilyn morreu na súa casa de Los Ángeles en circunstancias que lembran os recentes pasamentos de de Amy Winehouse ou de Whitney Houston.

Milleiros de reporteiros saíron á busca de carnaza e petaron reiteradamente á porta de Pepe Bolaños, o pretendido último amante da diva, con quen mantivera certo contacto telefónico logo da fin da paixón. Bolaños non dixo ren e nunca diría. «Aínda o chamaron en 1994, pouco antes de morrer».

Pero nada, Bolaños levou canda si a versión en caída libre de Norma Jean que coñecera en México.

    Bolaños, nos informes do FBI

    O romance de Marilyn e Bolaños foi obxecto de lercheo, pero tamén das investigacións do FBI, que seguía os movementos da actriz que compartira algo máis ca un café co presidente de Estados Unidos, John Fiztgerald Kennedy e co seu irmán Robert.

    Resultaba que, en 1962, en «plena paranoia nuclear e anticomunista», unhas semanas antes da crise dos mísiles de Bahía de Cochinos, que a piques estivo de facer saltar polos aires o feble equilibrio de forzas da guerra fría, Marilyn frecuentaba en México a compaña de comunistas exiliados españoles e compartía cama con «un guionista de mexicano de esquerdas».

    • Quen é José Bolaños?

    Segundo Xavier Navaza, os informes do FBI, preguntábanse quen era aquel mozo mexicano que se chamaba José Bolaños e onde querería chegar a través de Marilyn.

    O cronista incide en que eran anos do Comité de Actividades Antiamericanas, que fixera grandes estragos entre as mentes máis progresistas da industria do cine, e que Marilyn aproveitou a súa visita a México para visitar a rodaxe de ‘El ángel exterminador’ de Luis Buñuel e iniciar contacto co xenial director aragonés para futuros proxectos. Quizais, na busca do papel de carácter que a afartarse da loura parva. 

Comentarios