viernes. 28.01.2022 |
El tiempo
viernes. 28.01.2022
El tiempo

UNHA APOSTA POLO PATRIMONIO

Lareira de Soños porá en valor a primeira mámoa achada nos Vilares, Guitiriz

José Luis Teijido, a carón da mámoa dos Vilares
José Luis Teijido, a carón da mámoa dos Vilares
Un veciño localizou este elemento, que non aparece recollido no PXOM de municipio

A asociación Lareira de Soños fixo público o achado dunha mámoa no monte comunal dos Vilares, que supón o primeiro xacemento destas características localizado na parroquia guitiricense. A entidade xa anunciou o seu desexo de pór en valor e catalogar este elemento, que non figura rexistrado no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Guitiriz. 

"No PXOM hai unha pila de mámoas en Labrada ou no Buriz, pero esta dos Vilares non está recoñecida", indica o presidente de Lareira de Soños, Antón Tenreiro, que asegura que o primeiro paso será comprobar se aparece ou non nos rexistros de Patrimonio e, de non ser así –o que parece probable, ao non figurar no planeamento de Guitiriz–, loitar porque se catalogue e se protexa. "É un descubrimento moi importante para a parroquia", precisa Tenreiro, que considera necesario que co tempo se faga unha actuación na zona e se sinalice este xacemento, atopado no monte veciñal en man común dos Vilares grazas a un veciño, José Luis Teijido Comba. 

Luis de Fabete, como moitos dos seus veciños o coñecen, lembra que bateu coa mámoa no ano 2008, cando presidía a comunidade de montes. "Atopeime con aquelo e para min estaba moi claro o que era, pero quería constrastalo con un profesional", lembra. Porén, o tempo foi pasando e aínda que estaba "plenamente convencido" do que vira "na caída cara o mediodía do Pico da Torre, a uns 400 metros, preto do rego das Carriceiras", tiveron que pasar anos ata comprobar que a súa idea era certa. 

Tenreiro: "É un descubrimento moi importante para a parroquia"

A través da asociación Lareira de Soños, de cuxa directiva tamén forma parte, coñeceu a Judiña de Lea e ao arqueólogo Marcial Tenreiro, aos que lle ensinou o lugar. "El, tan pronto como a veu dixo, ‘está claro’", confirmando as sospeitas de Luis. 

"É unha mámoa violada, que conserva pedras orixinais", explica Marcial Tenreiro, aclarando que así se definen aquelas construcións ás que lles falta algún elemento, un feito moi común, xa que antigamente era habitual que se saqueasen, buscando o tesouro dos ‘mouros’ aos que as lendas populares lle atribuían a súa creación. 

"É de libro", asegura Marcial, que aclara que a dos Vilares é un monumento funerario de tamaño medio, un dos moitos construídos ao longo da fachada atlántica dende o 5.000 a.C. –cando están datadas as máis antigas– na época megalítica. "Foi a primeira arquitectura monumental, facían grandes tumbas", precisa sobre uns elementos moi visibles na paisaxe.

Lareira de Soños porá en valor a primeira mámoa achada nos Vilares,...
Comentarios