Lareira de Soños incide na «urxencia» de actuar nos frescos dos Vilares

A nova entidade iniciou os contactos coa Deputación e coa diocese para tentar preservar as pinturas da igrexa, datadas no XVI
Pinturas dos Vilares
photo_camera Pinturas dos Vilares

A nova asociación guitiricense Lareira de Soños está metida de cheo no seu primeiro proxecto, que considera «unha prioridade», a preservación das pinturas murais da igrexa de San Vicenzo dos Vilares, polo que xa iniciou os contactos coa Deputación de Lugo e coa diocese de Mondoñedo-Ferrol para estudar vías de financiamento e de actuación.

A entidade conta cun proxecto redactado por expertos no que se recollen as intervencións que sería necesario levar a cabo para preservar os frescos que decoran os muros norte e sur do templo. Datan do século XVI, foron descubertos durante unha restauración da igrexa nos anos 90 e a día de hoxe atópanse «nun estado de conservación precario», debido a factores coma a humidade, os golpes cos bancos ou o encalado da parede que aínda as agocha parcialmente.

«Queremos que se vexa o seu valor, e sobre todo a urxencia», indica Antón Tenreiro, presidente de Lareira de Soños, que incide en que se tería que actuar de inmediato para frear un deterioro que pon en perigo a conservación «dun ciclo mural ao fresco de relevancia histórica e artística», segundo detallan os expertos no seu informe.

Neste estudo encargado por Lareira de Soños detállanse as intervencións que serían necesarias. Dende a entidade precisan que o investimento para que as pinturas quedasen «perfectas» rondaría os 90.000 euros, e aclaran que se podería desenvolver en varias fases.

«Isto non lle afecta só aos Vilares, senón a toda a comarca», incide Tenreiro, que estima que a posta en valor destes frescos conlevaría a revalorización da igrexa dos Vilares e do seu contorno. De feito, aínda que para a entidade agora o prioritario é salvar as pinturas, xa teñen en mente un proxecto de recuperación integral do contorno da igrexa.

Nesa iniciativa destacaríase tanto a riqueza do templo, que tamén conta con varios retablos valiosos, sarcófagos ou o calvario, coma da antiga escola habaneira ou dos cobertizos da feira, que tamén se queren recuperar.

Comentarios