Lampazas, o donde todo es tan familiar

A cabra Rosa, unha veciña con moito encanto.
photo_camera A cabra Rosa, unha veciña con moito encanto.

A prima de risco subiu ata os cincocentos, din na radio do coche, mentres xa se nota o calor abafante das doce e pico. As malas novas económicas de todos os días ‘de nuestro Señor’ viaxan tamén rumbo a Lampazas, esa aldea de sona polas súas festas de agosto na honra de Santa Bárbara.

Unhas patronais bárbaras, facendo o tonto xogo de palabras. El Fary -descanse en paz-, a extriunfita Soraya, a diva Normal Duval, Manolo Escobar, David Civera, Bustamante... As ‘celebritis’ do universo musical pasan cada ano por este pequeno pobo de tan só sete habitantes habituais, por obra e graza dun dos seus veciños máis ilustres (aínda que resida en Barcelona).

O empresario Jaime Veiga, xa fillo predilecto oficial, organiza e sufraga dende o ano 2000 uns festexos cuxo orzamento e cartel son un agasallo para familia, amigos e veciños de Lampazas.

As televisións de toda España, sobre todo nos primeiros anos, teñen comparecido neste lugar -preto do Courel- para dar conta de tan peculiar acontecemento. E miles de persoas de Galicia e de fóra achéganse a primeiros de agosto a aldea, a 11 quilómetros montaña arriba desde Samos, para ser partícipes da lenda.

Lampazas nunca foi grande demograficamente. Nos mellores tempos convivían oito familias, como recorda Eugenio, Genín, o pai de Jaime, e hoxe só están fixos no censo cinco familiares do empresario e o matrimonio formado por Elba e Pepe, O Farruco. «Somos todos unha grande familia», asegura o veciño máis novo, Uxío, de 27 anos, sobriño de Jaime.

Seguro que aínda que son poucos xa se teñen feito un lío. Hai que coñecelos, pasar un cacho con eles, e un entende por que Lampazas é moito máis que unhas festas espectaculares.

Na casa

«Os que vivimos a emigración dos nosos pais dende as aldeas ás urbes lembramos con certa morriña aquilo das portas abertas de moitos pisos e o berro de ‘ata a cociña!!’». A cociña, ese epicentro da vida no rural galego.

Ata as dúas cociñas habitadas de Lampazas pasamos, invitados por anfitrións amables que non se olvidan de ofrecer un café ou algo para picar. Arredor da mesa fálase de traballo, da vida, do cotiá. Non hai barullo de tráfico. Só conversa e moitos risos porque en Lampazas, ante os problemas, como di Eugenio -irmán de Jaime- «metemos a cabeza no auga e xa se nos pasou». E engade o seu fillo Uxío que alí enriba non necesitan de pastillas, nin psicólogos, como na cidade, da que non gusta.

Tanto e así que, aínda que mozo, nunca pensou en mudarse. Traballa na explotación familiar de gando de carne, xa ten restaurada unha casa ao lado «para cando sexa máis solteiro!», e o coche lévao alí onde quere.

Nótaselle festeiro. A el, ao pai e ao avó Genín; non é estrano o das festas de Jaime. As mulleres da casa, Otilia -esposa de Eugenio- e a avoa María Ermitas, casada con Genín dende hai 54 anos, dan fe.

Pero, como se pasa o tempo en Lampazas cando non é verán e voltan os veciños emigrantes, ou son as festas? «O día a día é de memoira, case sempre é o mesmo», comenta retranqueiro Eugenio.

A xornada laboral comeza cedo, sobre as seis da mañá, para así «parar cedo», sobre as seis da tarde. Otilia replica: «Si, si. Uns paran ás seis da tarde e outros as once, pero iso non é traballo...».

Os tres homes da casa Veiga séntese aludidos e explican, que na rutina, ademais do traballo non pode faltar a visita aos amigos, ir mirar unha vaca e botar unha partida. «Levamos unha vida intensa!», bromea Uxío. E aínda que non hai bar, garantizan que neste pobo ninguén pasa sede.

Otilia di que non sente que lle falte nada nin bota nada en falta -«todas as semanas vén o coche do pan, o do peixe, da fruta...»- e apunta que é raro o día que non se achegue xente de fóra. «E non é que se perdan, é que veñen exclusivamente a coñecer», di orgullosa esta muller, que se encarga en tempo de festas de coidar con mimo aos artistas.

Bustamante

Brillánlle os ollos de entusiasmo ao lembrar a estes invitados VIP. Bustamante e a súa muller, Paula Echevarría, pasaron as festas na súa casa e trouxeron, cada un, aos seus pais. «A nai dela non só comeu con nós; preguntoume se me axudaba coa mesa».

Norma Duval, «majísima»; Manolo Escobar, «o máis guapo» para avoa María, e David Civera, un encanto. «Hai unha foto na que a Otilia bica ao Civera... Tes que vela. Nin que estivera namorada!», ataca Genín.

O pasillo da casa dos Veiga está cheo de fotos con artistas e futbolistas: Figo, Messi, Ronaldinho... Nun dos marcos, coa camiseta do Barça, hai unha imaxe de Genín co exfutbolista catalán Gerard, despois de que o primeiro lle gañase unha partida ao tute. Genín é do Barcelona, claro, pero por ese recordo, «porque non teño nin idea de fútbol», confesa pícaro.

A planta baixa é como un museo e unha especie de local de banquetes. Otilia abre unha das portas e amosa un imponente comedor para 112 nun pobo de cinco casas, que ata conta cun ‘office’ coas bebidas.

Aí, ademais de congregacións de famosos, tamén teñen lugar xuntanzas máis íntimas, as da familia, veciños e amigos en datas sinaladas como a da matanza ou outras celebracións especiais.

A avoa María acompaña no percorrido, pero vése que xa chega un dos seus momentos predilectos: a bendita sesta. A calceta - «temos xerseis, bufandas, calcetís...», conta o neto- é un dos seus maiores entretenimentos, así como os «debates dos políticos».

Eso si, en Lampazas non faltan televisións. E pode que non se vexan moito, pero vense ben.

Como a de Elba Vázquez, a muller de Farruco, veciños dos Veiga. Uxío fai as presentacións cando a sorprendemos en plena faena, recollendo o do xantar e comezando a preparar a casa para esta fin de semana, que vén a familia e algúns mais polo campeonato de tute que se celebra hoxe e mañá, e no que participarán uns 250 xogadores, entre eles, os exfutbolistas Patxi e Julio Salinas, e Gerard.

Elba ten a súa pantalla plana de 42 pulgadas para ver «o cotilleo» do ‘Sálvame’ e algunhas películas. «Se non houbera isto...». E pola noite, toca divertirse co marido, «sempre que o mereza». Normal.

Está ilusionada porque hoxe a casa énchese coa chegada das dúas fillas que viven na Coruña, os xenros e («ai!») os netos que Elba espera tanto. «Pasámolo moi ben, aínda que agora ande a cen preparando as camas para todos e limpando a casa».

Cando chegan os domingos ou os finais de festa, recoñece que se pon morriñenta, algo tristona. Hai que recoller os xoguetes dos cativos -incluso ten un columpio na entrada da casa-, pero queda a espera ilusionante para o próximo venres ou sábado.

Pepe non se atopa na casa cando coñecemos a Elba -o matrimonio tamén se adica ao gando e á horta-, «unha pena», di Uxío, porque ao parecer O Farruco debe ser o maior comediante local. E chistes sabe arreo.

En realidade, en Lampazas é difícil estar serio, por moito empeño que poña o visitante. Entre vacile e vacile, José Aira, ao que descubrimos facendo «chapucillas» no garaxe, conta os motivos da súa presenza.

Aínda que natural dalí, marchou coa súa muller, Maruja, no ano 1969 a Madrid, onde traballou na Peugeot. Agora desfruta temporadas na casa lucense coa súa xubilación, pero a maior parte do ano está na capital española, onde residen os dous fillos, «que non teñen familia, pero paréceme que si teñen compañía». Os fillos tiran e por iso non pensan nunha volta definitiva. José aproveita a tranquilidade de Lampazas e sentencia sobre as cidades: «Claro que teñen moito que ver. Pero que máis da todo iso se non tes cartos para facer esas cousas que ves?»

No centro da aldea, na praza de Santa Bárbara, saúda un último habitante: Rosa, a cabra de Elba e mascota para os cativos. Rosita dá chuchos de despedida, e Lampazas, ese pobo, sabe como a aquel libro de O’Rivas. A un millón de bicos (contra as crises).

A espiritualidade do Camiño, a un tiro de pedra

 

Xa sexa de ida ou volta a Lampazas, parada obrigada é a de Samos. A real abadía aséntase na mesma capital do concello e o río Sarria discorre tocando os seus muros. O mosteiro ofrece ao visitante un fermoso contraste entre os seus rudos e sinxelos muros exteriores cos

fermosos e elegantes claustros en granito. Non en balde é dos edificios que máistempo leva declarado en Galicia como Ben de Interese Cultural (BIC). Dende Samos tamén se poden tomar rutas de sendeirismo como a de Teiguín.

Lampazas celebra entre hoxe e mañá o seu tradicional campeonato de tute, que reunirá nesta edición a máis de 250 participantes. O evento terá lugar nunha carpa que xa está instalada dende hai días.

 Invitados. Entre os asistentes están un grupo de empresarios de Barcelona, os irmáns Salinas e Gerard. Xogará este último con Genín? Conseguirá gañarlle?

Comentarios