Labaradas cuaternarias

POUCAS DATAS DESPOIS de se celebrar o ‘Arde Lucus’, lemos que o home galego xa provocaba lumes no monte hai seis mil anos, segundo un estudo realizado por un investigador do Consello Superior de Investigacións Científicas. O obxectivo era aclarar o monte para o gado, e acredita que a cultura do lume funde as suas raigañas no substrato máis insondable da cultura galega.

O caso é que estamos comezando un verán que se anuncia caluroso, e que todos os anos o andacio do lume agroma, con variacións en canto á intensidade e gravidade. Tamén que se gastan enormes recursos na extinción e que, desde hai moitos anos, optouse por reducir a política a un elevado investimento estacional. Outra cousa son os resultados, que deixan bastante que desexar, por máis que en tan dilatado período se espallasen todo tipo de teorías e explicacións, con notables incursións no eido novelesco, como a atribución a mafias de obscuros e obstinados intereses, ou no da ficción xurídica, de perfís perigosos, propoñendo a calificación dos incendiarios como terroristas.

Pero nesta especie de política xeral do marasmo e do ‘impasse’, que tolle todo o país da man dunha maxistratura que ten na mediocridade o seu denominador común, o estudo científico aludido quizais lles veña moi ben, xa que tendo o lume raizames ancoradas no Holoceno, que ven ser a derradeira época xeolóxica do Cuaternario, é bastantre máis comprensible a dificuldade de loitar contra un fenómeno tan teimoso como as chamas, quizais xa inscrito no código xenético dos habitantes do rural galego, que por domicilio ou por orixe somos case todos. Certamente que se levaron a cabo iniciativas en eidos de orixe secular, como é o caso do idioma galego, pero precisamente esas mesmas práticas, ainda co concurso da sapiencia do país, que todo o mundo ubica nos claustros onde resoa o ‘gaudeamos igitur’, obtiveron resultados bastante precarios. Quere decirse que se distancian moi pouco da evolución natural da língua e das suas tendencias, que xa sabemos todos cales son. E onde non, abonda coa aplicación da proba do nove: como medidas de acompañamento do sonado Decreto do galego, ou como danos colaterais -non se sabe moi ben-, figuraba a introdución do inglés como un importante ingrediente e, con todo, o investimento non produciu as alegrías agardadas. Vai ser o caso de aquel estudante enviado fóra para aprender o alemán, no seo dunha familia nativa, que tivo que ser devolto aos seus proxenitores porque non só non aprendía o idioma de Goethe, senón que estaba esquecendo o español.

Pero debe ser certo que vai vir unha tempada de moita calor, porque nós comezamos falando dos lumes e das suas orixes e, ao abeiro do fresco, acabamos divagando sobre o idioma, no canto da arqueoloxía, porque o lugar onde tivo lugar a investigación foi Campo Lameiro.

Comentarios