O Parlamento galego manifesta o seu "profundo pesar" polo falecemento de Neira Vilas

A Comisión de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia manifestou este venres o seu "profundo pesar" polo falecemento do escritor Xosé Neira Vilas.

A morte do autor de Memorias dun neno labrego foi comunicada aos deputados pola parlamentaria popular Marisol Piñeiro, que nese momento exercía de presidenta da Comisión.

Piñeiro leu unha breve declaración na que expresou o "fondo pesar" dos deputados polo falecemento do autor cruceño, e trasladou as súas condolencias "á familia, aos amigos e a toda a cidadanía de Galicia".

A deputada do PPdeG engadiu que a obra de Neira Vilas representa "unha das mellores expresións da excelencia da nosa literatura".

Así mesmo, acordouse gardar un minuto de silencio unha vez finalizada a Comisión de Educación e Cultura.

O escritor Xosé Neira Vilas, autor das soada Memorias dun neno labrego, morreu na súa casa de Gres, no concello de Vila de Cruces (Pontevedra), aos 87 anos.

O autor, que cultivou de xeito destacado a cultura galega no exilio e de volta á súa terra, vivía, como el mesmo dicía, na compañía da "cultura", pola súa ampla colección de libros, e mantíñase activo como o "xornaleiro das letras" que sempre foi, explicou nunha entrevista recente con Efe.

Comentarios