King & Queen

NO XOGO dos oito erros a primeira impresión engana; os dous debuxos semellan iguais sempre, pero cando nos fixamos ben, axiña aparecen as diferenzas. Sendo España e Gran Bretaña monarquías parlamentarias podería pensarse que son casos comparables pero postos a pensar atopamos moito máis que oito cousas distintas. Velaí como un desliz (dentro doutro desliz) do rei de España foi abondo para evaporar tanto xoancarlista como aparecía nas enquisas; dos monárquicos xa non queda nin rastro. En comparanza, a coroa británica acostuma superar crises moito peores, dende a abdicación, por amor, de Eduardo VIII ata a traxedia de Diana de Gales. Aí está Isabel II celebrando por todo o alto o sesenta aniversario de reinado entre un máis que evidente entusiasmo popular. Mesmo en Escocia, envolta nun proceso de independencia, ten moitos máis partidarios que detractores. No resto do país os republicanos non son máis numerosos que os coleccionistas de cunchas ou os afeccionados ao aeromodelismo. O feito de ser tan monárquicos fai que a raíña sexa nomeada en calquera acto da vida cotiá e todo organismo ou servizo oficial leva o antetítulo de ‘Real’.

Outro detalle que reforza o meu argumento é a vixencia da aristocracia; mentres que en España apenas nos referimos a tres ou catro condes ou duquesas, pola vistosidade que teñen nas revistas a cor e papel couché, na Gran Bretaña aínda teñen unha Cámara Alta do parlamento onde algúns sentan por dereito de herdanza; a reforma para ir mudando esta aparente anomalía democrática vai paseniño e mesmo semella que os lores gozan de máis popularidade que a sección do Parlamento composta por políticos elixidos por sufraxio universal. Pero a cousa non queda aí; dúas veces ao ano o Palacio de Buckingham publica unha ringleira de persoas que receben honores ou títulos nobiliarios, repartidos entre diversas categorías e pertencentes aos máis variados estratos sociais. Na última lista (a próxima está a caer) había tanto deputados como diplomáticos, presentadores de televisión, actores, deportistas, xornalistas e, sempre, gran número de profesores, tanto directores de escolas como coñecidos catedráticos universitarios. A raíña (por consello do goberno e os partidos) concede outros títulos nobiliarios ao longo do ano en vistosas cerimonias nas que os agraciados caen de xeonllos ante Súa Maxestade.

Podemos concluír, por tanto, que ningún outro país sente a monarquía deste xeito sempre, claro está, do ámbito do emocional, representativo e protocolario. Como corresponde a un país democrático, a raíña non ten, nin desexa, ningún papel político. Grazas a este equilibrio constitucional a institución pode perdurar, en contra de toda lóxica e do signo dos tempos. Igual acontece noutros países europeos, onde a fórmula tamén da bos resultados: Noruega, Suecia, Dinamarca, Holanda ou Luxemburgo. No caso de España todo indicaba que estabamos cómodos con ese modelo, ata que un súbito cambio de tempo, unha mareira que acabou en forte marexada fixo que moitos pensaran en escapar do barco. É razoable, pero antes de saltar pola borda tamén hai que pensar que a auga, nestas latitudes, está moi fría.

Comentarios