Kiko Rivera baila ao ritmo de Chantada

A estrela mediática ficha o cantante e compositor de Chantada Mark Rostel para o seu selo discográfico, Six Music
Mark Rostel, con Kiko Rivera
photo_camera Mark Rostel, con Kiko Rivera

MARK ROSTEL gravou Miami Girl cando tiña 15 anos, chamábase Marcos Rodríguez e estudaba no instituto Lama das Quendas da súa Chantada natal. Os medios técnicos foron uns "cascos rotos que comprara nos chineses e un altofalante de 3 euros". Tras o lanzamento, "ríronse de min", recorda o cantante e compositor.

Agora, con 27 anos, xa co nome de Mark Rostel, vén de asinar un contrato con Six Music, o selo discográfico creado por Kiko Rivera, coñecido extensamente como fillo de Isabel Pantoja e como artista musical.

Marcos Rodríguez traballa dende hai tres anos como axente inmobiliario en Madrid. O seu traballo desenvólvese en Pozuelo e Somosaguas, onde as casas acadan un nivel de luxo como o que aparecen nos vídeos que respaldan temas de música como a que compón.

Unha tarde puxera o traxe e a garavata para pechar a venda dunha casa. En plena operación, chamouno Kiko Rivera para darlle a ledicia de que escoitara a canción La vida son dos días, que lle mandara coa esperanza de que a incluíse no seu repertorio, e que quería o tema para a súa casa de discos, Six Music. Como Rivera ten contrato co selo de Juan Magán, We Love Asere, propúxolle a Mark Rostel que fose el quen defendese o seu tema.

SETEMBRO. O tema foi rexistrado no estudo Rayito Music, por onde pasaron Abraham Mateo, Shakira ou Ricky Martin.La vida son dos días será lanzado na primeira quincena do mes que vén xunto cun vídeo gravado entre Sevilla e Chipiona con participación do propio Kiko Rivera e da modelo Lucía Acosta.

Mark Rostel asegura que non se puxo nervioso coa chamada de Rivera a pesar de que lle coincidise co acordo para unha venta inmobiliaria. "Acabamos o trato e despois chamei a Kiko Rivera", indica.

Os premios non lle resultan novos. Empezou a gañalos pouco despois de subir a un kart con 4 anos. "Gañei 16 títulos nacionais, pero deixeino por falta de presuposto", explica o expiloto.

A súa familia ten unha empresa de barbacoas, pero a súa vinculación coa música e a noite prendeu cando o seu irmán Rodrigo, oito anos maior que el, montara un negocios de copas na vila.

Daquela deixou as carreiras e comezou a traballar con cascos rotos dos chineses. A tenacidade levouno a que o seu tema Déjate llevar fose escollido en 2015 pola estrela Juan Magán para un recompilatorio do seu selo, We Love Asere. Regresou ao seu instituto, ao lugar no que se burlaran del, para rexistrar o videoclip.

Un ano máis tarde, ascendeu ao máximo nivel ao ser contratado pola Warner coa canción Por fin te encontré, que supera as 614.000 escoitas en Spotify. O paso do chantadino polo cumio foi breve por desavenencias coa discográfica. A partir do mes que vén, empeza a súa aposta para non ter que comprar cascos baratos.

Comentarios