Kiko Novoa: ''Facer un programa de radio sen rede é un subidón de adrenalina''

Coa proximidade que tamén lles transmite aos seus oíntes, Kiko Novoa (Culleredo, 1973) sométese a este terceiro grao e fala sen facerse o sueco, malia a súa experiencia en terras escandinavas, do éxito do seu programa –refrendado pola última ondada do EGM– eda súa vida cando o micrófono deixa de ser unha extensión máis do seu corpo.

PREGUNTA: ¿Como encara vostede a terceira tempada á fronte do ‘GxD’?
RESPOSTA:  É un reto estar tres anos consecutivos facendo algo que nos gusta. Facer radio sen rede, sen saber que vai pasar en cinco minutos, é un subidón de adrenalina total...

P: O guión pasa a un segundo plano cando manda a actualidade...
R: Si, o guión está feito porque con algo temos que sentar e por non deixar baleira a mesa. Para seguir sendo a referencia dos galegos na radio estás na obriga de informar cando chama un oínte para contarche, por exemplo, un sinistro.

P: ¿Que é o máis difícil nun programa diario de seis horas?
R: O máis difícil téñeno os compañeiros que están fóra do micro e os que están nas delegacións e abastecen o programa. Eu vendo a moto; teño que presentar á audiencia o menú que xa está feito para que o deguste. Se oGxD leva 3 tempadas en antena é grazas a ese equipo e á directora, Rosa Martínez, que foi quen confiou en min e neste proxecto.

P: ¿E sendo a cabeza visible do buque insignia da RG nota o peso da responsabilidade?
R: Non, presión ningunha. Se pensasna xente que te está escoitando, podes ter unha sensación de abismo. Pero non sinto ese medo. nin moito menos. Aquí vimos divertirnos, incluso contando cousas serias. O resultado pódese ver, e é que o pasamos moi ben.

P: ¿E a presión de máis arriba?

R: Non, de verdade que non. Hai xente que di que son do PP, do BNG, do PSOE... e aí está o equilibrio. Se non te identifican con ningunha opción é que realmente o estás facendo ben. De todas formas, no GxD, aínda que si hai unha parte política, nós falamos dos galegos. Os políticos que nos conten, que traballen, que é o máis importante...

P: ¿E cal é a importancia do oínte?
R: Toda. Moitas das cousas que contamos é por xente que chamou por teléfono e nolo contou. Iso ponte na pista. Os nosos oíntes seguen pensando na RG, a diferenza doutros medios, como en algo moi próximo.

P: ¿En que o sorprenden?
R: Alucino coa proximidade, coa capacidade dunha persoa de chamarte como se te coñecese de toda a vida. Ás veces xa non sabes se algunha das persoas coas que falas a coñeces ou non, ¡porque o ven cunha confianza total!

P: As audiencias responden, pero se no futuro tivese que facer outra cousa... ¿atraeríao a tele?
R: Estou moi cómodo na radio e tamén o estiven na prensa. ¿Na tele? Nunca se me propuxo, pero seguramente tamén o estaría. O importante é a xente que te rodea. Saír da casa e pensar que te vas atopar con Cristina Martínez, Alberto Freire, Belén Regueira, Amelia García, Helena Soto e todos os demais... Para min é un grupo de amigos, e encima págannos. ¡Síntome un privilexiado!

P: Estando tan a gusto, ¿nunca tivo un ataque de risa inoportuno?
R: Son bastante bo para controlar iso. Pero si que recoñezo un erro, que é facer rir a algún compañeiro cando está falando... pero somos humanos e se é espontáneo non ten por que pasar nada.

P: ¿Que fai Kiko Novoa cando non ten un micrófono diante?
R: Leo un montón, estou coa miña filla, que é o máis divertido que hai, vou ao cine, viaxo sempre que podo... O típico. ¡Que eu saiba non teño ningún hobbie excéntrico!

Comentarios