Kennedy

"Se Fernández Albor tamén é de Vilalba, ímoslle pedir que estude se Kennedy, que foi investido un 20 de xaneiro de hai 52 anos, tiña raíces galegas, porque no vindeiro congreso igual nos di que tiña unha avoa en Lugo, seguramente da Ribeira Sacra”, chanceaba onte Feijóo en alusión a unha frase do ex presidente galego, quen para recordar o finado Fraga aseguraba na súa intervención que “todos hoxe somos de Vilalba”.

Tanto Fraga como Albor foron durante a clausura do congreso popular as figuras máis eloxiadas nos discursos. O portavoz municipal do PP mostrouse satisfeito de que se respectaran os tempos das intervencións, a pesar de que o propio Feijóo chegou a chancear coa petición realizada por Castiñeira, quen instou a non ovacionar a cada un dos integrantes da nova executiva para aforrar tempo. “Igual non deixa aplaudir porque non lle gusta a lista”, ironizaba Feijóo, quen mentres lía os nomes, puña o acento no de Ángel Currás, que como alcalde de Santiago será vocal nato, a pesar de que podería non acabar o mandato como consecuencia da súa imputación na Pokemon.

Currás achegouse ata Feijóo para felicitalo pola súa reelección, aínda que non fixo o mesmo coa nova portavoz do partido, a súa compañeira de goberno Paula Prado e que estaría chamada a ser a futura alcaldesa en caso de dimisión do rexedor. Aínda así, Prado recibiu numerosas felicitacións dos compañeiros, do mesmo xeito que Rueda, a quen a maioría dos populares ve como sucesor de Feijóo se algún día este decide facer carreira en Madrid. Rueda, que se chegou a emocionar ao agradecer á súa familia o apoio, estivo arroupado polos seus durante o peche do congreso, do mesmo xeito que o presidente do PPdeG, cuxa nai, Sira Feijóo, o abrazou efusivamente para felicitalo pola súa reelección.

Comentarios