Kennedy e as call tv

Ando co humor tan baixo como Marisa Sandoval, a ‘call tv’ de La Sexta que fixo tantos xogos malabares como o Mago Antón para negar que un concursante lle rebentara as claves do concurso e gañara 60.000 euros. Veño de ler a un defensor do ‘Manifesto na defensa dos dereitos fundamentais en internet que hai doentes hindús que non van curar porque os autores pretenden cobrar polas creacións. O razoamento é que a propiedade intelectual protexe as patentes dos medicamentos e non os dan pagado.

Lendo como ligaban dous feitos tan inconexos entre si acordei do e-correo que recibín hai uns días no que se afirmaba que a SGAE ía cobrar ás bibliotecas 20 céntimos por cada libro que incorporasen. A denuncia deste «atentado cultural» levaba como respaldo ético un artigo de José Luis Sampedro, que, sendo escritor e economista, consentiu que o enganasen dese xeito. Empezaría o meu retruque por advertir de que a sociedade máis odiada de España non ten nada que ver con todo isto e que por moito que Teddy Bautista tivera un aquel con Lee Harvey Oswald cando era novo, ousarei afirmar que o asasinato de Kennedy non foi unha conspiración da SGAE.

Pola mesma razón, cando me chegan as páxinas de Excel xustificando os dereitos dos libros non me sinto culpable das doenzas en Calcuta. A redacción do apartado da Lei de Economía Sostible no que atinxe a internet semella equiparable ao guión de ‘Mentiras y gordas’, pero o ‘Manifesto’ para defender aos que comercian con contidos alleos non é menos inconcreto. Se imos compartir o ciberespazo para cuestións tan virtuais como concursar en ‘Llama ahora’, precisamos unha regulación.

Comentarios