Juan Vivero: ''Organizamos unha marcha a pé polas rúas de Foz''

JUAN VIVERO é o director pedagóxico do colexio O Pilar de Foz, que organiza o Día Escolar da Paz

Con que idea parten as celebracións do Día Escolar da Paz e Non Violencia?

Esta celebración é unha oportunidade máis de contribuir a que os centros se convertan en instrumentos de paz e entendemento entre persoas de distinta formación, raza, cultura e relixión. Non habemos de esquecer que a escola é un reflexo dunha sociedade coa que comparte defectos, pero nela tamén se educa para a vida e se busca desenvolver nos alumnos as capacidades e competencias necesarias para unha participación social activa.

Que pretenden transmitir ós alumnos?

A través da educación podemos contribuir á concienciación de todos na construción dun mundo mellor, máis xusto e máis humano que permita que todos os individuos teñan a mesma oportunidade de desenvolver plenamente as súas facultades no seo dunha sociedade democrática, libre, xusta, responsable e en paz.

Que actos en concreto organizan desde o centro?

Facemos hoxe unha marcha a pé polas rúas de Foz a partir das tres e media da tarde. A saída é do colexio e remata no Paseo Colón, onde se lerá un manifesto e se procederá á solta de pombas, para logo facer o camiño de volta.

Comentarios