Juan Ramón Méndez: ''El monte es una empresa que si se cuida da beneficios''


Galicia ten unha masa forestal moi importante, pero ten carencias á hora do seu aproveitamento. Comunidades coma Lugo Sur traballan para informar ós comuneiros e propietarios das distintas alternativas que hai á hora de explotar os recursos naturais de xeito sostible

JUAN RAMÓN MÉNDEZ asumiu hai unha tempada a presidencia da mancomunidade de montes Lugo Sur. O colectivo é unha especie de cooperativa de comunidades de montes dende a que se prestan unha serie de servizos de xeito conxunto de maneira que se poden abaratar custos. Na mancomunidade de Lugo Sur hai integradas preto de 30 comunidades de montes das comarcas de Lemos, Quiroga e do municipio do Incio.

Como xorde a idea de formar esta comunidade de segundo grao?
O proxecto conta con dous anos e medio de vida e partiu dunha serie de técnicos que tiñan interés profesional e personal na iniciativa. Realizaron unha serie de reunións con distintas comunidades e abriuse a porta a todos os interesados.

Que servizos ofrece?
A idea é que os comuneiros das 30 comunidades asociadadas teñan asesoramento continuo dos temas que lles afectan. Tamén se aportan servizos de xestión e hai un convenio coa asesoría Cofisla para que asuma o traballo fiscal das comunidades integradas. Temos una sede fixa nas Galerías de San Antón e desde hai uns meses están contratados dous enxeñeiros forestais que se encargan de desenvolver os proxectos das comunidades asociadas.

Como se financia Lugo Sur?
Os socios deben aportar unha cota do 3% da produción que saquen dos seus montes. Esa aportación fixa permítelles beneficiarse dos servizos. No caso das comunidades que non teñen ingresos poden integrarse e ter as mesmas prestacións e comezarían a aportar a súa cota no momento de ter fondos.

Cal é a situación das comunidades integradas?

É unha situación moi dispar. Unhas están moi avanzadas e outras están a dar os primeiros pasos. Pero a maioría teñen o seu territorio adicado ó monocultivo de especies madeireiras. O seu rendemento vén da venda de pinos, unha práctica que comezou nos anos 50 e 60.

Hai uns días Lugo Sur organizou o primeiro congreso forestal na zona. Nese congreso falouse entre moitos temas do aproveitamento dos recursos cinexéticos.
A intención do congreso era informar ós asistentes das posibilidades que hai de explotación do monte. Mostrar que hai más alternativas ca vender a madeira e no caso de que unha comunidade se adique á madeira explicarlle por onde pasa o futuro do sector. Sobre os recursos cinexéticos o que se propuxo é que os comuneiros deberían ter un rendemento por prestar o seu monte para a caza. Que a relación entre os coutos, as administracións e as comunidades debería de estar regulada para que a actividade cinexética revertera dalgún xeito nas comunidades, que son as propietarias do solo.

Outro tema que se abordou foi a xestión da biomasa.
A biomasa é unha das grandes alternativas do monte, pero o que temos que lograr é que as empresas que instalen centrais de biomasa na zona realmente consuman a biomasa dos nosos montes, que os manteñan limpos e se cumpran as condicións contractuais. De nada nos vale ter unha planta de biomasa aquí se xestiona a biomasa dos montes doutros lugares. O ideal é que se temos unha planta aquí coma a que está prevista para A Pobra do Brollón esa planta se abasteza da biomasa dos terreos próximos e a súa actividade deixe un beneficio na zona.

Que outras alternativas se presentaron no congreso?
Tamén se falou do aproveitamento agrario, que aquí está moi pouco avanzado. Trátase de ter hectáreas de monte limpo ou destinadas a praderío que se poidan arrendar ós gandeiros que precisan terreo para entar nas axudas da Política Agraria Común (PAC).

Tamén abordaron proxectos de carácter singular.
Si. Nunha mesa presentáronse iniciativas nas que hai montes con hectáreas adicadas á explotación vitivinícola ou á recolección de cogomelos.

Cal sería o primeiro paso para por en marcha esas alternativas?
O primeiro sería ter o monte ordenado, contar cun proxecto que delimitase os usos dos terreos e as actividades a realizar, de xeito que a comunidade xestora dese monte tivese uns ingresos regulares e mantidos no tempo.

Antes comentaba que a maioría das comunidades integradas en Lugo Sur viven do aproveitamento madeireiro. Como está o sector?
Actualmente hai dous problemas. Por unha banda, a calidade da madeira. A maioría dos propietarios prantaron pinos, pero non se preocuparon do seu coidado, polo que a produción non reúne a calidade para adicarse ó moble e a madeira dos nosos montes acaba ou en pasta de papel ou en encofrados da construción, esa madeira págase menos e coa crise o seu prezo baixou máis. Pero tamén temos o problema da certificación, a madeira dos nosos montes non conta co certificado FSC e iso vai condicionar o futuro da actividade.

Que quere dicir?

O mercado tende a non aceptar a madeira que non teña o certificado FSC, polo que se queremos vender madeira teremos que producila conforme a unhas directrices de calidade e pasar os controis estritos para contar co certificado FSC, doutro xeito non teremos oco no mercado.

Tamén hai conflitos dos empresarios da madeira.
Si, houbo problemas de transparencia coas talas e coas pesadas e nese eido faría falta arbitrar un sistema de control eficaz. A maiores, tamén está o problema dos destrozos nas estradas que provocan os camións que sacan a madeira porque ninguén quere asumir ese custo e acaba afectando negativamente ó prezo da madeira.

O monte ten moitas alternativas que nesta zona non se puxeron en marcha. Cal é a razón?

Aquí hai un problema de mentalidade, vinculado ós usos e costume e á idade dos comuneiros, que son moi reacios ós cambios e a facer cousas no monte que non facían os seus antepasados. Ademais, as decisións nas comunidades tómanse por maioría e custa moito lograr un acordo. Custa entender que o monte pode ser unha empresa que pode dar beneficios se se coida e se aproveita con criterio.


DE PRETO
''A presión fiscal cambia a mentalidade das comunidades''

Actualmente as comunidades enfróntanse a unha forte presión fiscal.
Efectivamente, iso é un dos factores que está facendo traballar as comunidades e actualizarse. Unha comunidade de montes ten que pagar o 25% dos seus beneficios a Facenda. É unha porcentaxe moi elevada por iso agora se aposta por reinvestir en proxectos para o pobo propietario do monte e se está a eliminar o sistema de repartir os cartos entre os comuneiros.

A Xunta ten en marcha a implantación das Sofor, que son sociedades forestais con capital privado. Pola súa experiencia, está a favor da medida?
A priori non estou en contra. Primeiro houbo as Uxfor e agora as Sofor, para min non é cuestión de figuras societarias porque nese eido xa temos as comunidades, o problema é de mentalidade e de poñer en marcha certos cambios.

Tamén están pendentes da nova lei forestal.
Efectivamente. Levamos esperando por ela dende o 2001 e mentres non haxa unha lexislación clara ó respecto tamén é moi difícil tomar decisións porque non se sabe por ónde vai ir a cousa. A falta da lei causa incertidume.Textoooooo.

Comentarios