Juan Casares Long, catedrático de Enxeñaría Química: O enxeñeiro inquedo que renega da súa imaxe conservadora

Juan Casares Long non se ve a si mesmo como o home conservador que está considerado. Non é aventureiro, recoñece, pero considerase un tipo "alternativo", máis do que a súa imaxe permite imaxinar, preocupado polo cambio climático, seguidor da política internacional e á marxe das etiquetas convencionais. Naceu en 1950 na Coruña. O seu pai era médico e a súa nai, medio inglesa e medio austríaca, coidaba da familia e daba clase de inglés, unha lingua que Casares Long sinte como materna. Estudou na Academia Galicia, privada e laica, ata que marchou a Santiago para facer carreira en 1967. Tiña claro que iría por Ciencias, pero non así a especialidade, e de feito fixo primeiro de Matemáticas, pero non quedou convencido e ao ano seguinte incorporouse a Química. É dos que conta historias dos grises, pero non de correr diante deles, senón do medo que lle daba a súa simple mención durante os encerros na que hoxe é facultade de Historia. "Nunca entraron", lembra Casares Long.

Rematou a carreira no 72 co premio extraordinario de licenciatura e marchou traballar para baterías Tudor en Azuqueca de Henares, pero ao cabo dun ano decidiu voltar á universidade para facer a tese, que versaría sobre modelización de procesos e que rematou na Autónoma de Barcelona en 1976. Marcha despois a Inglaterra, onde acostumaba a pasar tempadas, e fai un segundo doutoramento en Enxeñaría Química. "En España aínda non había iso", lembra.

Unha vez rematado o PhD, volta a Vigo como profesor no Colexio Universitario ata que en 1981 é contratado como profesor axudante na Universidade do Petróleo e Minerais de Arabia Saudí. Era o único profesor español nun centro con 1.000 docentes para 3.000 alumnos, todos homes.

Mudouse coa familia: a súa muller e os seus dous fillos pequenos. Alí atopou unha cultura "de moitas sutilezas e matices, que temos moi estereotipada". A peor parte foi para a súa muller, porque aínda que vivían dentro do campus e as normas eran menos estrictas, para ela foi "aburrido", recoñece. Botaron alí tres anos e voltaron cando Casares aprobou a oposición a adxunto de universidade na USC, onde estivo cinco anos. No 1989, sacou a cátedra de Enxeñaría Química na Universidade de Sevilla —"con moito traballo, porque non xogaba na casa", di— e meses despois en Cantabria. Pouco despois, Endesa ofrécelle vir para a central térmica das Pontes, pide a excedencia e marcha para o sector privado.

Tres anos despois volve á universidade e, xa como catedrático de Enxeñería Química, no 1993 propóñenlle participar na creación do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) —el xa traballaba con ordenadores nos anos 70, lembra—, que dirixirá ata 1997. Neste mesmo ano incorpórase como director xeral na Consellería de Medio Ambiente no goberno de Manuel Fraga, periodo no que puxo en marcha Meteogalicia, que sae dun proxecto de investigación seu, e a Rede de Centros de Educación Ambiental, no que se inscribe a aula da natureza do Veral. Dese cargo vén gran parte da súa fama de conservador. "Non teño nada en contra diso, ou de ser liberal, progresista... pero penso que as etiquetas definen cada vez menos ás persoas", di. 

No 2001 volta á docencia e investigación na USC, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría.  No 2006 preséntase ás eleccións contra o equipo que fixeron as tres plataformas e perde. "Olvideino ao día seguinte, tiña moitas cousas que facer", lembra. Mantívose  catro anos á espreita, e quizás por iso se atopa agora na recta final.

Comentarios