Miércoles. 22.11.2017 |
El tiempo
Miércoles. 22.11.2017
El tiempo

Josefa Iglesias López: "Por que non ser ferreiros ou vivir do campo? A miña misión era educar para axudar a vivir mellor"

Josefa Iglesias López
Josefa Iglesias López
Esta veciña de Castro de Ribeiras de Lea pasou 42 anos dando clases a alumnos de toda a provincia e tamén de Madrid, Barcelona, Vigo, París e Estrasburgo. Vive nun arquipélago francés das Antillas caribeñas, en Guadalupe, pero hoxe estará en Ferreiravella para recibir a calurosa homenaxe dos estudantes riotortenses.

A MESTRA Josefa Iglesias López, de Castro de Ribeiras de Lea, ten dado mostras na súa vida da súa vocación docente, e tamén é unha muller valente que estudou nunha época na que non moitas o podían facer —ademais procedía de familia humilde, posto que o seu pai fora tratante de gando—. Tamén demostrou o seu espírito aventureiro a e a súa vontade á hora de percorrer o mundo coa súa profesión por bandeira. Actualmente reside no Caribe, no arquipélago de Guadalupe, pero regresa ao seu recuncho natal cada vez que pode. Este verán, os seus exalumnos de Riotorto quixeron aproveitar para darlle unha calurosa homenaxe, cunha comida, hoxe, en Ferreiravella.

Estudou Maxisterio na Escola Normal de Lugo. Que destinos tivo en canto promocionou?
Fun substituta en Bagude, Portomarín, titular interina en Bazal, en Ferreira de Pantón, e xa con praza definitiva en Paradela, Navia de Suarna e despois en Ferreiravella dez anos, de 1964 a 1972 -os dous últimos, no colexio das Rodrigas de Riotorto-.
Que lembra daquel Riotorto?
Lembro que os alumnos eran intelixentes e que tiñan moito interese. E sobre todo eran disciplinados -a disciplina é algo que debéramos recuperar neste eido-. Sempre supón unha emoción moi intensa voltar a Riotorto, Estiven desde os 23 aos 33 anos. Unha idade na que unha ten moitísima forza. Nótoo moi cambiado. As terras están sen cultivar, a vexetación foránea substitúe a autóctona, as casas son as mesmas pero hai menos poboación e dixéronme que apenas había nenos.
Aqueles estudantes estaban destinados a ser ferreiros e labregos?
Quen sabe? Á emigración, se cadra. Daquela todo o mundo emigraba. Ou a ser ferreiros. Por que non ser ferreiros ou vivir do campo? Pero xa daquela o campo comezaba mecanizarse e o oficio, á larga, parecía estar condenado, como así foi. A min parecíame que a educación podía axudar a vivir mellor. E esa era a miña misión. Para iso estaba!
Vivía na propia escola?
Era unha casa-escola ben acondicionada para a época, con auga quente e cuarto de baño grazas a un benefactor, Francisco Cacharrón, que emigrara á Arxentina. Na emigración houbo xente que tivo sorte e que se acordou dos seus veciños.
Eran aulas mixtas ou segregadas?
Impartín clase en escolas unitarias para nenos de entre cinco e 14 anos. En Ferreiravella había escola de pequenos e escola de pequenas. Cando diminíu a poboación, si eran aulas mixtas.
Como acabou tan lonxe do fogar?
Mudárame a Barcelona para estudar lingua francesa e gañei unha praza máis tarde no Ministerio de Educación para exercer de mestra de emigrantes en París. Despois, a oportunidade chegóume cunha praza na Escola Internacional. De volta á Madrid, tras seis anos na capital gala, retornei a Galicia, concretamente a Vigo, e de aí fun a Estrasburgo outros seis cursos. Xubileime en Lugo —antes estiven na Coruña— coma profesora no Instituto San Xillao no 2002.
Durante as súas estadías en Francia coñeceu o seu compañeiro de vida, o poeta e sindicalista antillano Edmon Ferly, con quen vive nas Antillas. Que ten el que ver coa tradución ao francés dos poemas do chairego Avelino Díaz?
Avelino Díaz, que naceu en Órrea, é un alumno moi querido, que sabía das miñas estadías en Francia. Propúxome o reto de traducir 14 poemas seus ao francés. Traducinos coa supervisión de Edmond Ferly, que ama a poesía por enriba de todo. É o editor da futura obra. A el parecíanlle máis sinxelos de traducir os de contido social.

Josefa Iglesias López: "Por que non ser ferreiros ou vivir do...