José Manuel Rus Rodríguez: "Muimenta siempre fue una villa en la que se organizan muchas cosas"

Este veciño de Muimenta recibirá o próximo 27 de setembro a distinción de V de Veciño en homenaxe aos 18 anos que botou coordinando a Mostra e Exposición de Muimenta e dinamizando todas as actividades culturais da zona, un labor que deixa temporalmente
José Manuel Rus, xunto ao monumento adicado á Festa da Filloa.
photo_camera José Manuel Rus, xunto ao monumento adicado á Festa da Filloa.

UNHA HOMENAXE ben merecida é a que recibirá José Manuel Rus Rodríguez o próximo 27 de setembro, día no que recibirá a V de Veciño nunha comida que se vai celebrar no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Rus é un dos grandes dinamizadores de tódalas actividades que se levan a cabo na zona de Muimenta e foi coordinador da Mostra e Exposición de Muimenta (Moexmu) durante 18 edicións. Durante a celebración, organizada pola Federación de Asociacións Veciñais de Lugo, haberá artesanía, xogos tradicionais e baile. Como se sente ao saber que vai recibir a V de Veciño?

A verdade é que moi contento.

Cales cre que son as razóns polas que lle conceden esta distinción?

Pois habería que preguntarllo á persoa que o propuxo, pero xa son moitos anos e moitos colectivos nos que traballei.

Vostede é considerado un dos grandes dinamizadores das actividades culturais de Muimenta, actualmente en que proxectos está embarcado?

No de xubilarme, voume tomar unhas vacacións no tema de organizar e todo iso.

Definitivas?

Son unhas largas vacacións.

Que o leva a tomar esta decisión?

Hai cousas que non se poden tolerar e todo ten un límite; ademais, despois de 18 anos, tamén teño merecidas unhas boas vacacións, non?

Entón a día de hoxe xa non ten nada que ver coa Moexmu?

É cuestión de días, qúedame entregar as contas á comisión desta 31 edición, ademais dunha USB a cada comisión organizadora coas memorias, datos e toda a información destas 18 últimas edicións.

Cre que a deixa en boas mans?

Creo que a Moexmu que había cando a collín, o 6 de abril do ano 1998, parécese moi pouco a como a deixo no 2015. Tivo un gran reflotamento. No 98 estábase falando abertamente de pechala. Daquela coincidía coa festa e era unha especie de pozo sen fondo. Despois de varias reunións foi cando se decidiu cambiar a data de celebración para abril, no ano 2002, e a Moexmu cambiou e volveu subir, sobre todo potenciando o tema do concurso de raza frisona e a subasta das vacas.

Despois de tantos anos organizando a Moexmu, cada vez sería más doado preparala, non?

Hai cousas que son complicadas. Despois de tantos anos xa entras en ‘carrerilla’, pero os últimos anos foron complicados por cousas alleas á propia organización da Moexmu.

Podería facer un resumo de tódalas actividades que levou a cabo nestes 18 anos?

Son moitas. Dende a asociación cultural fixemos o Entroido e obras teatrais, unha delas foi cos xubilados, chamábase ‘Os xubilosos’. Tamén levamos a cabo unha exposición que agora é permanente, a casa da cultura de Muimenta está decorada con fotografías de tódalas casas da parroquia. Logo, dende a Asociación de Empresarios, á parte de charlas e demais, fixemos o concurso de tapas e o mercado de Nadal. Estiven na Moexmu dende o 1998 e na Festa da Filloa, que logramos que fora Festa de Interese Turístico de Galicia. Tamén fixemos subastas independentes da propia organización da Moexmu. E estiven dous anos na directiva do fútbol.

Por que lle xorde ese interese por promover tantas actividades?

Nacín aquí e vivo aquí, e Muimenta sempre tivo fama de ser un pobo no que se organizan moitas cousas, de ser un pouco o referente para moitos lugares da zona. Pero eu son un máis. Hai moita xente de aquí como Lombardero, Lois Xove ou Pepe da Gloria, entre outros, que tamén traballan coma min. Sen eles sería complicado sacar estas actividades adiante.

Cre que se deberían apoiar máis este tipo de iniciativas?

Hai moita xente que as apoia, pero eu creo que se deberían apoiar máis. Nunca é suficiente, sempre se pode facer algo máis. A xente participa moito. Por exemplo, cando empezamos co concurso de tapas ninguén daba un peso por el e despois naceron moitos máis.

E que ten pensado facer nestas largas vacacións?

Adicarme a min, á miña familia e aos meus amigos.

Cales son as súas afeccións?

Ademais de nadar, que me relaxa moitísimo, gústame a bici, a música, ler e quedar cos amigos e coa familia.

A donde vai cando lle apetece desconectar un pouco?

Vou moito ata a área recreativa a pasear co can, por exemplo. E moitas veces, aínda que non o creas, gústame estar na casa, porque acostumo a estar pouco, iso si, se é para desconectar teño que estar sen ningún tipo de ruído, nin tele, nin radio, nin nada.

Á parte de organizar todas as actividades das que falou, cal é a súa profesión?

Son economista e traballo nunha xestoría en Lugo.

Comentarios