"Se tivera que quedar só cun torneiro sería Vérez, aínda que tamén admiro a Lolo Castro"

José Luis Bernat: «O torneado ten múltiples aplicacións e pódese vivir del»

Preside a asociación Amigos da Madeira das Pontes dende hai unha década. A entidade promove cursos e actividades para iniciar aos máis pequenos nun labor ancestral en boa forma en Galicia. Agora están inmersos nos últimos preparativos do Encontro Internacional de Torneiros de Xermade, que se celebrará do 22 al 24 deste mes
José Luis Bernat
photo_camera José Luis Bernat

Leva á fronte da Asociación de Amigos da Madeira das Pontes dende hai unha década. A entidade busca relevo xeracional, mentres prosigue cunha actividade frenética na que se inclúen os XVII Encontros Internacionais de Torneiros, que se celebrarán os días 22, 23 e 24 deste mes en Xermade.

Como xurdiu a idea de crear a asociación?

Foi no ano 2006, aínda que non se constituíu ata un ano despois. Naquel tempo había xente nas Pontes, coma Lolo Castro, de torneado tradicional, ou Fernando Vérez, de artístico, que destacaban. Acordamos crear a asociación para divulgar este oficio e promover todo tipo de actividades.

Con canto socios comezaron?

Ao redor de nove ou dez, os que conformabamos a directiva. Hoxe xa somos preto de 60 socios. Eu levo de presidente dende o inicio, Alfonso Franco é o secretario, José García Otero o tesoureiro e Fernando Vigo o vicepresidente.

Cal é o perfil dos integrantes da entidade?

Hai xente dende os 30 ata os 70 e pico. Moitos dedícanse á talla e outros ao torneado. A nosa intención é captar xente nova para o relevo na directiva, algo que de momento non se puido facer.

En 2014 trasladaron o seu local ao Hexágono da Fraga. Que actividades desenvolven alí?

O Concello concedeunos nese ano o local, pero antes xa desenvolviamos actividades noutro no que estabamos de aluguer. Convocamos obradoiros de iniciación, decoración, vaciado, terminación das pezas... As temáticas van variando e tamén temos un estudo de fotografía no que a xente pode aprender a fotografiar os seus traballos.

Tamén son un clásico nas distintas feiras das Pontes.

Si, participamos en todas con exhibicións en vivo. Os Fungos e Cogomelos, o Freixó, a do Mel de Goente, a Cita coa Historia, e tamén no Grelo, na que deseñamos o premio especial Pérez Sindín dende hai varias edicións.

Pero tamén saen fóra das fronteiras para amosar o seu traballo.

Si, colaboramos todos os anos na feira que se organiza en Lugones (Asturias) e, hai uns días, chegamos de Tenerife, onde participamos nunha feira con preto de 300 artesáns.

Como foi a experiencia?

Marabillosa. Era a primeira vez que iamos, é unha feira incríble pola que pasaron ao redor de 35.000 persoas. Levamos o noso cartel de Amigos da Madeira das Pontes e achegouse a nós xente de Galicia. Foi unha experiencia moi grata compartir espazo con grandes artesáns de Madrid, Barcelona, e mesmo de Grecia, Alemaña ou Inglaterra.

Despois da viaxe, están centrados xa no XVII Encontro Internacional de Torneiros de Xermade, no que tamén colaboran na organización.

Si, aí está Alfonso Franco encargándose de toda a parte loxística do evento, como representante dos torneiros de Xermade, aínda que tamén é membro da asociación pontesa. A verdade é que esta cita require moito esforzo e traballo.

"A relatora inglesa Margaret Garrard presentará técnicas novidosas de torneado e calado de pezas"

Que atopará a xente este ano?

Unha das principais novidades é que a relatora inglesa -Margaret Garrard- presentará técnicas moi novidosas de torneado e calado de pezas, que seguro chamarán a atención. Cada ano tratamos de presentar cousas distintas con torneiros estranxeiros, pero tamén cos da casa. Interésanos que a xente vexa que aquí en Galicia tamén se fan cousas boas. Por iso, estará presente o pontés Lolo Castro e o vigués Adrián Pena, que hai uns días estivo recibindo clases nunha escola en Francia, unha das máis prestixiosas do mundo.

Entón, haberá nivel?

Iso é o que pretendemos. Sempre organizamos todo con boa intención. E desexamos colleitar un novo éxito como o do ano pasado, no que a xente quedou impresionada.

O falecemento de Fernando Vérez foi un duro golpe para todos vós. Isto deuvos máis forzas para continuar cos encontros?

Fernando e Tito foron os que iniciaron todo na aldea da Fraga. E nós tivemos claro dende o principio que non queriamos que desaparecese o torneado en Galicia, por iso quixemos seguir implicándonos coa organización. Ademais, tivemos a sorte de contar sempre co apoio económico do Concello de Xermade e doutras administracións.

Cal é o momento do torneado en Galicia? Está a anos luz doutros países?

Eu creo que a artesanía aquí está pouco valorada con respecto a outros países. E é un erro, xa que o torneado ten moita aplicación na fabricación do moble, na decoración do fogar... Un pode gañarse a vida con isto, e así tentamos transmitirllo aos máis novos cando acudimos a dar charlas ao centro de formación profesional de Pontevedra.

Pero os materiais son caros?

Si. Por sorte acudir a encontros, como o de Xermade ou mesmo o de Tenerife, axuda a facer contactos. E iso leva aos intercambios. Adoitamos intercambiar madeiras autóctonas con outras que non son tan fáciles ou baratas de atopar aquí con torneiros doutras partes do mundo. E o mesmo ocorre coas ferramentas. Se alguén deseña unha pola súa conta tamén amosa ese traballo aos demais, para que todos poidamos facelo e economizar. Porque é unha realidade que os materiais e as ferramentas son caras.

O futuro do torneado en Terra Chá e As Pontes está asegurado?

Queda moito por facer, pero as xornadas de portas abertas que organizamos todos os anos, así como os cursos, son unha forma de atraer xente. E xa temos contactado tamén cos centros educativos das Pontes, ofrecéndonos a facer exhibicións e explicarlles aos nenos en que consiste este traballo ancestral.

Comentarios