José de Cora: ''Araceli ocultaba que era espía con un derroche de exhibicionismo''

José de Cora (Foto: PEPE ÁLVEZ)
photo_camera José de Cora (Foto: PEPE ÁLVEZ)

A finais dos oitenta coñeceuse o papel determinante de Juan Pujol, un catalán que actuaba como axente dobre, no éxito do desembarco de Normandía. Lugopress subliña agora a importancia da súa primeira muller, a lucense Araceli González,que compartiu carreira na espionaxe con Garbo no documental ‘Hitler, Garbo... y Araceli’. A obra poderá verse na televisión pública de Galicia este xaneiro o día 6 ás 22.20 horas en G2; o día 11, ás 00.30 horas na TVG; o día 13, ás 22.00 horas en G2, e o 18, as 00.30 horas na TVG.

Como descubriu que Araceli era espía?
Era da pandilla da miña nai, Eva Paradela, na súa mocidade. Cando fun estudar a Madrid, a fins dos 60, ela chamábame cada vez que inauguraba unha mostra dun artista lucense na súa galería. Despois da inauguración daba cócteles na súa casa e sempre miraba que
todos os seus convidados estivesen ben atendidos. Era coma un rabo de lagartixa, non paraba.

Daquela sabía dos seus contactos nos servizos de información?
Non, non. Ninguén sabía diso.  Despois de 1988, cando volvín a Lugo a El Progreso, chamoume unha tarde. Quería poñer unha esquela a nome de Juan Pujol. Daquela o nome de Garbo soaba porque se descubrira a súa identidade. Pregunteille se me falaba do espía. «Era o meu primeiro marido». Pedinlle que me contase a historia, pero mentiume; ela sempre mentía. Contoume que non sabía nada sobre a actividade de Pujol, que cría que era un enxeñeiro textil que vendía en Inglaterra.

Vostede creuna?
No momento, si. Como non había de crela? A muller que enganou a Hitler, a Himmler, ás SS, á Abwher, ao Exército alemán... Como non había de enganarme a min tamén? Hai unha cousa importante: Pujol e Araceli enganan aos alemáns, pero tamén aos ingleses, e acaban indemnes.

Araceli era dunha familia acomodada de Lugo, pero apuntouse como voluntaria para axudar nun hospital de sangue.
Ela era unha nena ben, de bailes no Círculo das Artes. Tivo un noivado con Ramón Ferreiro, o falanxista que chegaría a gobernador civil, e sentíase comprometida coa causa. Presentouse como voluntaria para axudar no Hospital de Santa María. Pasar polo trauma
da Guerra Civil marcounos tanto a ela como a Pujol, e foi decisivo. O curioso é que parten de posicións de dereita, pero deciden que Hitler é o maior perigo para o mundo.

Actuaron por ideoloxía ou por aventura?
O biógrafo de Pujol Javier Juárez asegura que había factores ideolóxicos, de derrotar a Hitler sen armas; económicos, de querer vivir ben, e de querer saír daquela España, que era un país triste e tamén con poucas posibilidades.

Araceli xa marchara de Lugo.
Si, Lugo quedáballe pequeno. O seu pai era amigo de Antonio Goicoechea, o gobernador do Banco de España en Burgos, que se presentara ás eleccións por Lugo. Nese momento Burgos era a capital de España. O ambiente era favorable, porque no hotel no que estaba, aloxábanse tamén Kim Philby e Juan Pujol. Alí coñece a Pujol e casan para despois marchar a Madrid. Araceli é a que anima ao seu home a ofrecerse como espías na embaixada inglesa. Non os toman en serio. Pujol cae nunha depresión porque non o  entende. Deciden ofrecerse aos alemáns.

Que deciden que teñen pouco que perder e contrátanos.
Como proba, pídenlle papeis para entrar en Londres. Pujol vai a Lisboa, onde coñece a un galego con pasaporte internacional. Unha noite, xogando á ruleta, engánao para fotografarlle o pasaporte e copiarllo. Os alemáns convéncense da bondade de Pujol, contrátano e amósanlle os seus códigos. En vez de ir a Londres, establécense en Lisboa. Durante dous anos enganan aos alemáns envíandolles informes que elaboraban coa prensa, unha guía de hoteis e un horario de trens. Eles non sabían nada de nada, pero as súas informacións son boas.

Pese a que están ben considerados, deciden cambiar de bando.
Si, Araceli volve falar cos ingleses. Para convencelos, dálle os nomes en clave dun espía alemán ao que andan buscando en Inglaterra. Os ingleses e os norteamericanos aceptan a Pujol e danlle o alcume de Garbo, en referencia á actriz e pola súa capacidade para actuar. O certo é que Pujol era o racional e minucioso, e Araceli, a pantalla. A partir dese momento, trasládanse a Londres, pero xa non é tan interesante porque Pujol entra no MI5 e se converte nun funcionario.

Aínda así, monta unha rede de vinte espías.
O seu xefe directo no MI5, Tomás Harris, e mais el inventan vinte espías falsos, coas súas biografáis completas. Así xustifican a información durante dous anos mentres preparan o desembarco en Normandía.

Entre mentres, Araceli dedicábase á vida social en Londres.
Ela quería volver a Lugo, pero faltaba pouco para o desembarco e os alemáns tíñanlle medo polo seu carácter extrovertido. Eu creo que Araceli ocultaba a súa condición de espía cun derroche de exhibicionismo, pero, como non lle deixaban volver, inventouse que tiña un amante.
 
Nigel West asegura que Pujol finxiu a súa morte para escapar de Araceli.
Si, pode ser.

Buscaba protexer o seu secreto?
Non, é probable que quisexe escapar dela no senso de rachar o seu matrimonio. Araceli quería marchar de Venezuela porque Pujol era profesor de inglés para a Shell e abumáse. Pode ser tamén que pedise aos ingleses que lle inventasen unha morte para que non o persigan ou para protexer a Araceli. O seu xeito de protexerse tras o desembarco de Normandía foi audaz: regresou a Madrid para reencontrarse cos espías alemáns e chorar con eles a morte de Hitler. Quería estar seguro de que non ían consideralo un traidor. O certo é que o conseguiu,porque recibiu a Cruz de Ferro alemá un mes despois do desembarco. Pasados uns meses, Araceli aínda cobrou 35.000 pesetas que lles debían os alemáns. Dende logo, ambos viviron afastados durante 34 anos sen falar do seu papel como espías e, cando escribe a súa biografía, Pujol non fala dela.

Araceli nunca contou a súa versión.
Un sobriño seu, o lucense Fernando González Vila, contoume que un día chamouno á súa casa porque quería contarlle a súa versión á familia. Pero non puido facelo porque morreu antes de que se producise o encontro.

Comentarios