José Darriba Pérez: ''Recollemos polas casas fotos e datos da historia da vila''

José Darriba, ‘Kiko’.
photo_camera José Darriba, ‘Kiko’.

O colectivo Xotramu é o responsable da posta en marcha da primeira festa dos xogos tradicionais da comarca chairega, ademais de organizar diversos actos para dinamizar a parroquia de Muimenta. O máis inmediato será a segunda Feira de Entroido, o día 8 de marzo.


Con que obxectivos naceu Xotramu?

Lombardero e eu falamos de facer unha festa dos xogos tradicionais porque había moita afección e, para que tivese continuidade, apostouse por crear o colectivo.

Que balance fan destes case dous anos que leva operativo?

Positivo, é moito traballo pero vemos que a xente está contenta, que colabora e que aprende. Os veciños están satisfeitos e os que veñen á festa tamén, porque repiten, como Brinquedia e a Asociación galega de xogo tradicional e popular.

Cre que Xotramu cumpre unha función social?

Si, xunta ós pequenos e ensínalles cousas que non saben. Os rapaces proban todos os xogos, aínda que as escopetas e os tirachinas son os que máis lles gustan. É gratificante ver que dous rapaces un pouco rebeldes botan máis dunha hora, sentados e tranquilos, xogando o tres en raia.

Que atrancos atoparon á hora de por en marcha Xotramu?

Non tivemos moitos máis alá dos económicos. Houbo varias asociacións que nos asesoraron, déronnos información, recomendáronnos libros...

Que acollida teñen os xogos?

Moi boa, a todos os sitios ós que imos a xente participa moito, tanto maiores coma pequenos, e iso é o bo. Por exemplo, na Praza da Milagrosa, en Lugo, xa fumos dous anos polas festas e sempre hai xente de todas as idades, en Abadín botamos tres horas no centro de día, con persoas maiores, e en Vilalba estivemos na área recreativa da Magdalena cos alumnos do colexio Insua Bermúdez.

Teñen moitos xogos recollidos?

Temos documentados preto de cen e no noso blog xotramu.blogspot.com, co que empezamos hai un par de semanas, xa levamos metidos uns 20 e iremos publicando máis. Os últimos que recollemos son os Salta pato ou a Zapatilla e queremos que a xente nos siga achegando máis.

De onde os rescatan?

A través dos libros e do que nos conta a xente, porque hai xogos que se xogaban nunha zona moi concreta e a uns quilómetros xa non sabían nin que existía.

Cantos socios ten o colectivo?

Non hai socios, somos once persoas na directiva co cometido de sentar as bases da asociación e, unha vez que estea asentada, abrirase a admisión de socios. O que si temos é un importante grupo de colaboradores e voluntarios dunhas 60 persoas. O 7 de maio imos xuntalos todos para ensinarlles a dinámica dos xogos de cara á celebración de xuño. Ese día tamén haberá unha obra de teatro do grupo Axóuxere.

O día 8 van celebrar a Feira de Entroido, que vai haber?

O ano pasado decidimos organizala porque había varios anos que non se facía o Entroido e seguimos o exemplo dunha feira que se facía na Pontenova. Foi moi tradicional, coa venda de pitos, trigo, pan, grelos, había mulleres calcetando... Saíu bastante ben e este ano repetiremos con máis postos e máis xente, porque quen queira pode vir e montar o seu posto. O mercado será pola mañá e pola tarde teremos xogos e a primeira carreira de carretillas tuneadas. Tamén queremos recuperar a carreira de burros que se fixo aquí a finais dos 70.

E en xuño celebrarase a terceira edición da súa razón de ser, o encontro dos xogos tradicionais Xotramu, teñen xa algo definido?

Virán máis ou menos os mesmos postos pero queremos que haxa máis xogos, polo que pensamos en deixar só un campo de bolos para gañar espacio. Tamén se fará o segundo Aberto da Filloa de billarda e esperamos contar cunha exhibición de fóra de Galicia, coma tivemos outros anos cos cortadores de Asturias e do País Vasco.

Teñen máis actividades?

O día 1 de marzo iremos de excursión ó Mosteiro de Samos e ó Mazo de Santa Comba a través do Km0 da Deputación de Lugo.

E algún outro proxecto?

Estamos metidos na recuperación de cen anos de historia de Muimenta e andamos polas casas recollendo fotografías e datos da parroquia. É un proxecto que nos vai levar un tempo materializar e para o que seguimos pedindo a colaboración dos veciños, falando con nós, no blog ou no correo [email protected]. Xa temos fotos e documentos, por exemplo da expropiación de terreos para facer a estrada LU-120, alá polos anos 20, ou un volume do século XVIII do catastro do Marqués de Ensenada, no que se lle facían 50 preguntas ós veciños da parroquias.

Hai pouco tempo homenaxeron a un antigo mestre da escola de Muimenta, queren seguir nesta liña?

Temos ideas e o máis inmediato é pór en marcha unha proposta de Mónica, unha mestra que pertence ó colectivo. Queremos atopar un local para crear un museo etnográfico, semellante ó Mupega, onde se recolla material escolar antigo e tamén outros elementos, como apeiros de labranza.

Como se financian todo isto?

Coas axudas que imos conseguindo e de ir a colexios, festas, actos sociais... imos onde nos chaman para facer exhibicións. Ás veces imos gratis, pero normalmente cóbrase, porque para que Xotramu funcione temos que ter fondos.

Por onde se move Xotramu?

Por toda Galicia. O ano pasado pechámolo cunha actividade en Sanxenxo e este empezámolo no centro de día de Abadín.

A Moexmu, Aquilino Iglesia, os empresarios... que hai en Muimenta que invita ó asociacionismo?

Ganas de traballar. Unhas asociacións tiran das outras e a xente de aquí é colaboradora. O centro médico, o campo de fútbol, a Moexmu, todo foi feito polo pobo.

Como é a relación entre todas estas asociacións?

Ás veces hai roces, pero nada serio, porque a parroquia é pequena e non pode estar dividida. Ademais, o traballo hai que repartilo. Por exemplo no entroido colabora con nós Aquilino Iglesia, e nós con eles na Festa do Río. Ós empresarios axudámoslles no que podemos, imos con xogos á Filloa e eles cédennos un sitio na Moexmu e tamén compartimos o local social no recinto feiral.

DE PRETO
"De Muimenta destacaría as ganas da xente de facer cousas"

kiko é un dos referentes do labor colectivo que se desenvolve dende fai anos en Muimenta. Así, este traballador da construción formou parte da primeira directiva da SD Muimenta e axudou a crear a asociación Aquilino Iglesia Alvariño maila Moexmu, cando «había que facer as casetas de xesta para os postos».

Cal cree que foi o maior logro de Xotramu ata a data?

Empezar, porque convencer á xente de mobilizarse para facer algo sempre é complicado.

Cal é o seu xogo preferido?

Gustanme todos, pero ós bolos é o que xoguei toda a vida.

Forma parte dalgún equipo?

Si, estou no club de bolos O Cadaval de Pacios (Castro de Rei).

E o xogo máis raro?

A bugalliña, ó que xogan só as mulleres de Carballedo de Avia (Ourense). É difícil de xogar e de entender, porque ten moitas regras.

Ademais dos xogos tradicionais, ten outras afeccións?

Xogar a partida e o invernadoiro.

Que destacaría da súa parroquia?

O traballo desinteresado da xente e as ganas de facer cousas, porque é así dende que eu teño acordo.

Cal é o seu recuncho predilecto de Muimenta?

A praza, porque é onde vivo.

Comentarios