José Casas Martínez: ''Levo 22 anos loitando por un polígono industrial, porque penso que é clave para Burela''

José Casas, na súa oficina do consistorio burelés.
photo_camera José Casas, na súa oficina do consistorio burelés.

Empresario recén chegado á política, para Casas lidiar cos números municipais na actualidade non é doado, sen embargo considera que Burela é dos concellos menos perxudicados pola economía actual ó ter no mar un bote salvavidas, tanto na vertente da pesca como na vinculada ó transporte marítimo

O CONCELLEIRO de facenda, industria e emprego de Burela, José Casas Martínez, aterrou en política con responsabilidades nada sinxelas nos tempos que corren, posto que por un lado ten que lidiar coa economía municipal e por outra cunha das bestias negras da actualidade: o paro.

Como lle está resultando exercer de concelleiro de áreas tan decisivas neste momento?

É complicado, sobre todo, en facenda, xa que por un lado tes os provedores que como é lóxico queren cobrar e miles de facturas que implican darlle moitas voltas ós papeis. Aínda que como veño do mundo da empresa simplemente teño que cambiar uns papeis por outros. A de industria e comercio é unha área máis razoable.

E a de emprego?

Burela segue a ser unha das zonas menos castigadas dentro da comarca o cal é un privilexio neste momento. Temos unha economía moi diversificada e contamos co mar, que se ven fai uns anos que atravesou unha crise, agora mesmo aínda que tamén se ve afectado polas circunstancias non presenta tantas dificultades.

É o mar o potencial de Burela?

Si, sen dúbida. Todo o que rodea o mar trae riqueza. Entorno a el medrou o pobo e proba disto é que todo o que ten que ver con el trátase con moito mimo.

E algún outro sector que destacaría como xerador de riqueza?

Agora mesmo o mundo da madeira está en auxe, debido en grande medida ás exportacións que se fan a Portugal, un país cunha industria vinculada á celulosa que precisa a madeira dos nosos montes para surtirse, e Burela sacalle beneficio grazas ó seu transporte. Este sector mantén traballando á camións que doutro xeito estarían parados e o movemento que xera a carga dun mercante quédase en Burela.

Se o porto é vital tamén o será o vial de acceso, hai algunha novidade neste senso?

Tamén é moi importante e seguimos traballando para que haxa novidades, pero polo de agora é un tema que vai moi lento.

Tamén relacionado co emprego anunciaron fai escasos días a posta en marcha dunha axencia local.

En realidade o que se fixo foi unha restructuración dun servizo que xa había porque acollía xente de toda a comarca e pensamos que se é un servicio que paga o Concello debe centrarse nos cidadáns de Burela.

Se un non é burelés non se pode anotar no servizo.

Non, tes que estar empadroado.

E as empresas que solicitan traballadores?

As empresas poden ser de calquer lado, de feito estamos levando a cabo unha campaña para darlles información sobre este servizo e que nos teñan en conta como un recurso á hora de encontrar traballadores.

Que proxecto considera prioritario para o concello?

O polígono industrial é clave para Burela por iso levo 22 anos loitando por el. No Plan Xeral xa fixemos unha reserva de solo, porque todo concello ten dereito a ter ordenada a súa industria e ademais os impostos que xera son moi importantes. Tamén é importante que Burela, coa súa situación céntrica dentro da comarca e os servicios cos que conta, teña un espacio para ofrecer a calquera industria que poda estar interesada en instalarse aquí.

Comentarios