miércoles. 27.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 27.10.2021
El tiempo

José Blanco Purriños: ''Os gandeiros teñen dificultades para pagar os cereais, que dispararon o seu prezo''

José Ángel Blanco Purriños.
José Ángel Blanco Purriños.

Despois de 16 anos como socio, sete deles na directiva, o mes de xuño pasado significou un cambio para o chairego José Ángel Blanco, xa que foi elixido presidente da entidade, con sede en Ribadeo. Seguirá adiante con proxectos como o de impulsar o centro de alimentación de vacún ou o de asesorar ós socios na mellor xestión das súas explotacións


é natural dun pequeño lugar chamado As Cavadas, pero o xermadés José Ángel Blanco Purriños ten agora a súa base de operacións un pouco máis ó norte, concretamente na parroquia da Devesa, en Ribadeo, onde traballa todo o que pode, apoiado polo seu equipo directivo, co fin de facilitar a vida diaria de tódolos labregos e labregas que forman parte da cooperativa Os Irmandiños.

Animicamente, cal é a situación dos labregos nestes tempos difíciles para todos?

Hai unha crise moi forte e iso nótase. Nós temos un enxeñeiro agronómo que se encarga de facer unha contabilidade técnica en relación de gastos e de beneficios dende o ano 1992, e foi no 2009 a única vez que deu resultado negativo. Un dos factores que inflúe é o baixo prezo do leite, que ademais non é igual para todos. As empresas lácteas pagan diferentes cantidades por litro e iso é moi perigoso para as explotacións que máis producen, porque se magnifica a diferenza.

Pode facer algo a administración?

Con respecto á administración, ves cousas que non son lóxicas. Hai catro anos subvencionabanse moitas zonas de Castela para deixar terras en barbeito, que non se producisen cereais; agora hai xente que morre de fame, e ós que temos vacas non nos chegan os cartos para pagar uns cereais que dispararon o seu prezo. Mentres, en Estados Unidos e en Brasil, quéimanos para facer biodiésel. A solución a isto sería a de facer previsións a longo prazo, en lugar de tomar decisións pouco premeditadas como as de agora.

Teñen algún proxecto desde Os Irmandiños para mellorar un pouco a calidade de vida dos gandeiros?

A función da nosa empresa é precisamente esa, apoiar ó gandeiro en todo o que necesite. Agora mesmo temos en funcionamento un dos nosos proxectos máis importantes, o Cavi (Centro de Alimentación de Vacuno Irmandiños), dividido en dous sistemas: a ración de mestura húmida e as mesturas secas. O primeiro, destinado á xente que se atopa preto da nosa sé, consiste nunha mestura de silos, millo e fariñas que se distribúe directamente nas casas dos socios. O segundo, para gandeiros máis distantes, consiste en mesturas prensadas e empacadas que son máis sinxelas de transportar e de conservar. Outro proxecto do que xa falamos foi da xestión de explotacións, moi importante para levar un control da produción e dos gastos do gandeiro, así como para asesoralo en todo o que precise. Noutros aspectos coma o tema do leite non entraremos ata que se propoña algo desde a administración ou conxuntamente con outras cooperativas.

Con socios en boa parte da provincia e incluso en Asturias, hai interese por ampliar horizontes ou apóstase polo mantemento?

Ampliar horizontes é algo complicado, porque cada vez queda menos xente no rural. Iso non quita que esteamos abertos á entrada de novos socios; de feito, o ano pasado houbo máis incorporacións que baixas na nosa empresa, e pretendemos seguir nesa liña.

Como pode o labrego individualista de antano sentirse cómodo dentro dunha cooperativa?

Antigamente, no ambiente dos labregos víase á cooperativa como un ente que che tiña que facilitar os produtos máis baratos que a competencia. Agora iso non pode ser así en moitos casos, posto que existe unha presión por parte das empresas comerciais. Aínda con todo, o espírito da cooperativa ten que ir por ese camiño; funcionar como unha empresa privada na que os beneficios revirtan nos socios, tanto en forma de servizos como de retornos económicos. Noutros sectores, como o da banca ou fusiónanse e absórbense empresas constantemente, e no campo non podemos ir a contra corrente. Temos que ser grandes para ser fortes, e aínda con todo, unha das maiores cooperativas de Galicia como é Feiraco non é nada comparada coas que hai noutros países, como é o caso de Besnier.

Está desvirtuada a imaxe do campo? Que hai que facer para mellorala?

É todo moi relativo. Os ecoloxistas quéixanse de que as vacas contaminan cos seus puríns, pero tamén sería perigoso que todas as terras estivesen a monte e fosen un foco de incendios. As xeracións anteriores a nós interesabanse polo campo sen necesidade de que uns tipos de Bruxelas lles dixesen o que tiñan que facer. Agora póñenche trabas para todo, pero, ó mesmo tempo destacan que Galicia ten unhas paisaxes marabillosas. E quen foi o responsable de toda esa beleza? Os señores de Bruxelas, que nunca puxeron un pé aquí? Non, señor. O mérito foi dos nosos avós, que traballaron no campo durante toda a vida. Eles querían as súas terras, e por iso as coidaban. Aprendamos deles.

DE PRETO
«A persoa de campo hoxendía ten que formarse e ter coñecementos ata de análise de terras»

 

 os irmandiños «non anima falsamente» ós rapaces a continuar no campo, senon que lles ensina con datos «o que hai».

A poboación rural envellece día a día. Pode a xuventude coller a testemuña e apostar polo campo?

Cando eu era novo e visitaba outras explotacións, atopeime cun señor de Chantada que me contou a historia do rural: un matrimonio tren tres fillos: un ‘chapón’, que estuda para ser médico ou abogado na cidade; outro que non é traballador, pero si pillo, que se fai comerciante, intermediario entre o campo e a cidade; o que queda, como nin estuda nin é intelixente, cómpraslle dúas vacas para que quede na casa. Esta imaxe do labrego como ser inferior aínda se segue a conservar hoxe en día, aínda que a realidade sexa moi diferente. Nos tempos de agora, un bo gandeiro ten que formarse: saber temas de agricultura, adquirir coñecementos sobre gando, entender os análises de terras... A xuventude ten que animarse, non coa finalidade de que todo o mundo teña vacas, pero si para que haxa un relevo xeracional.

E como desconecta do día a día?

Gústanme as actividades relacionadas co meu traballo. Por exemplo, encántame ir ós concursos de vacas frisonas, xa que, ademais de divertirme, aprendo e podo relacionarme con outros profesionais deste sector.

José Blanco Purriños: ''Os gandeiros teñen dificultades para pagar...
Comentarios