José Antonio Castro Vázquez: "Al ir al colegio siempre miraba para un Ford Capri desde el bus"

Este monfortino é amante dos vehículos clásicos dende que era un rapaciño. Unha paixón que o levou a involucrarse tanto no tema que hoxe é o presidente da asociación de coches de época na cidade do Cabe, grupo que organiza unha festa o vindeiro domingo 19
José Antonio Castro Vázquez
photo_camera José Antonio Castro Vázquez

O DÍA 10 DE ABRIL DE 1980 nacía en Monforte José Antonio Castro Vázquez. Posiblemente naquel tempo a ninguén da súa familia se lle ocurreu pensar que os coches clásicos serían a maior paixón daquel bebé, mais así foi. Hoxe, aquel cativo é o presidente da asociación Autoclásico Ribeira Sacra, grupo que xermolou na cidade hai algo máis de tres anos. Castro chegou aos coches por casulidade, mais dende ben pequecho sentiu curiosidade por eles.

Lembra cando comezou a interesarse polos vehículos clásicos?

Gústanme os coches dende moi pequeno. Dende que teño uso de razón interesoume todo o mundo que rodea o motor. Nos clásicos concretamente levarei uns quince anos. Estiven traballando en Vigo nunha empresa automovilística e alí asistín a carreiras e concentracións. Pouco a pouco, cada vez fun involucrándome máis no tema, informándome e en canto puiden xa merquei un.

Que vehículo adquiriu?

O meu é un Ford Capri bicolor, azul e branco, do ano 1980, do mesmo ano que eu nacín. Merquei este precisamente porque me traía recordos de cando era pequeno. Ao ir no autobús dende Bascós ao colexio sempre vía un. Naquel tempo, na Rúa de Chantada había todos os días un estacionado e sempre o miraba pola ventá, creo que era dun médico.

Deixando a un lado as lembranzas que lle supón o Ford Capri, que outro vehículo lle gustaría ter?

Se poidera, encantaríame ter un Mercedes 300 SL do ano 1968 porque foi o primeiro coche deportivo de fabricación en serie da historia. Acadaba máis de 200 quilómetros por hora. Na zona non coñezo ninguén que o teña, o máis preto está en Vigo. Son vehículos que teñen un valor moi grande ao que pouca xente pode chegar. Este coche con necesidade de arranxos pode chegar aos 180.000 euros e un xa en funcionamento posiblemente se achegue aos 300.000.

Un vehículo clásico precisa uns coidados, resulta custoso de manter?

O mantemento dun coche clásico non é caro porque non é un vehículo de uso cotiá, senón que está reservado para ocasións especiais, para rutas ou concentracións. Si que ao mellor ten uns gastos iniciais en función das condicións nas que se atopase o vehículo, pero unha vez posto a punto non é moi distinto dun coche normal. Hai moitos municipios nos que aos vehículos clásicos non se lles cobra o imposto de rodaxe, pero en Monforte si, a pesar de que dende o colectivo temos solicitado ao Concello a exención, sin éxito. O problema é que calquera coche con máis de 25 anos xa é considerado clásico. Nesta comunidade abundan moito e concretamente en Monforte hai en torno a uns 800 vehículos -coches, motos e tractores- con esta antigüidade.

Cantos socios forman o colectivo Autoclásico Ribeira Sacra?

Somos uns trinta socios e só hai tres mulleres, pero agardamos novas incorporacións tras a celebración da festa de clásicos do vindeiro domingo 19. Entre todos reunimos máis de 60 vehículos porque hai un socio que dispón de sete e outros con máis de tres vehículos.

Como xurdiu a idea de facer a asociación?

Foi un pouco de casualidade. Hai catro anos dende Sarria ata Ourense ninguén facía nada, non había ningún colectivo e agora estamos nós e outra asociación na Rúa. En Monforte coñeciamonos de vista, polos coches, e pouco a pouco fomos xuntándonos e poñéndonos en contacto uns e outros ata que naceu a asociación.

Que agardan do certame que acollerá a Ribeira Sacra o domingo que vén?

Contamos cunha participación de 150 coches clásicos que farán un percorrido duns 40 quilómetros. A idea é ensinar o máis posible a Ribeira Sacra e todas estas paisaxes que merecen tanto a pena. Cada ano contamos con máis participantes. Nesta edición a ruta comezará en Ferreira de Pantón e rematará en Monforte, cunha concentración na Compañía e un xantar entre os participantes.

Que outras actividades organizan ao longo do ano dende o colectivo?

Visitamos exposicións de vehículos clásicos e organizámonos para facer rutas. De feito, nestes días festivos un grupiño fixo unha ruta dun par de días polo Courel. Visitaron varias aldeas da zona e foron ata As Médulas. Agora temos en mente un novo proxecto de cara ao futuro, gustaríanos organizar unha carreira de regularidade, pero polo momento só é unha idea. Porén, sen dúbida a festa de coches clásicos é o evento máis importante que facemos e esperamos poder seguir organizando en anos futuros.

Comentarios