Jorge de Vivero pecha con ‘Ventanas al campo’ un ciclo vital e literario

Jorge de Vivero abriu ‘Ventanas al campo’ para pechar un ciclo «persoal, profesional e literario». O autor presentou onte o terceiro volume da triloxía ‘Los buenos momentos’ (Tris Tram) no que foi o seu espazo de traballo, o instituto lugués A Nosa Señora dos Ollos Grandes, ante un aforo integrado polos que foron os seus pupilos.
De Vivero, agora retirado como profesor de Secundaria quixo que fose o seu instituto o lugar onde dar a coñecer o que será o derradeiro froito de conxugar as súas paixóns pola literatura e pola natureza: «Quixen despedirme como profesor e tamén abrir un novo ciclo como escritor», apunta.
O escritor lugués sostén que está «tontamente satisfeito» co balance que lle ofrece a súa obra literaria ata o de agora, sempre vencellada «ao campo, á natureza, aos animais», un eido que, segundo entende, ten «case esgotado» como autor. Aínda descoñece cal será o rumbo que tomará a súa cerreira literaria. «Hai quen me anima a escribir ficción, pero coido que me vexo máis facendo poesía. É moi difícil falar do futuro», di.
Onte, como paso previo ao futuro Jorge de Vivero ficou satisfeito tras medirse aos seus colegas e aos seus alumnos. Tres mozas que asistiron ás súas clases como profesor de Literatura foron as encargadas de facer unha semblanza de cada un dos volumes que conforman ‘Los buenos momentos’.
«Foi un xeito de deixarlles o testigo a elas», engade o docente, quen cobiza ser el o que presente algún día o libro dalgún dos seus, algo que xa ten feito con Marta Rivera de la Cruz. «Non hai nada máis gratificante para un profesor de Literatura», comenta.
No regreso ás aulas de Jorge de Vivero foron Antía García, de cuarto de Eso, e Sara Iglesias e Ana Ferreiro, que cursan segundo de Bacharelato, as que analizaron ‘Los buenos momentos’ de Jorge de Vivero como fan cos textos dos autores do temario escolar.
García ocupouse de ‘Paisajes del recuerdo’, o primeiro volume da triloxía; en tanto que Iglesias abordou ‘Tan animales’. A Ferreiro tocoulle glosar ‘Ventanas al campo’, o libro de estrea, unha obra que o seu autor cualifica «máis de sensacións ca narrativa», ao tempo que unha reivindicación das «cousas marabillosas e esquecidas» da natureza que os lugueses teñen a un paso de si.

Filosofía. «A filosofía que subxace de ‘Ventanas al campo’ é o necesario dunha pasividade na ollada para aprezar canto temos ao redor de nós», conta. Como xa sucedeu en ‘Paisajes del recuerdo’, as ilustracións corren por conta de Resti López Fernández, profesor de Filosofía, ex compañeiro de claustro de Jorge de Vivero no Ollos Grandes e que onte volveu ao que foi o seu instituto.
O peche da triloxía ‘Los buenos momentos’ abunda no propósito de Jorge de Vivero de alertar sobre o impacto sobre a natureza «da maquinaria de destrución» humana e estrutúrase en función dos ciclos naturais que marcan a vida no medio natural, comezando polo espertar da primavera estación a estación e, logo, mes a mes, a xeito de almanaque.
Un ciclo anual completo para interpretar as bisbarras da provincia de Lugo, aínda que as ‘Ventanas al campo’ tamén se abren a «pequenas excursións marítimas á Coruña», berce de De Vivero.
Se tivese que reducir o ecosistema lugués a dúas especies, o escritor elixe unha ave rapaz, a avelaiona, e un bosque mixto de carballos e bidueiras. «Para min o lobo é un tótem, pero elixo un animal de campiña, máis ca de alta montaña, e noturno, porque a noite é máis ca movida. E a perfección arbórea está no carballo, a árbore galega, e a bidueira, que ofrece unha paisaxe case de taiga con esa cor marfileña», conclúe Jorge de Vivero mestres abre a súa subxectiva fiestra ao campo.

Comentarios