Jorge Coira: ''Creo que no hay peligro de que el éxito me vuelva imbécil''

Jorge Coira (Rábade, 1971) está estes días de vacacións. Un descanso merecido antes de presentar os seus últimos traballos e de someterse á intensa actividade que esixe a promoción. Quizais tamén aproveite esta paréntese para decidir en que novo proxecto se mergullará. O realizador baralla varias ideas na súa cabeza, pero aínda ten que decidirse por unha.

De onde lle veu a determinación de adicarse ó mundiño audiovisual?
Non sei, non o lembro, era pequeno cando o decidín. Empecei a dicir que ía facer películas cando ía en sétimo de EXB e escribín o meu primeiro guión, que era para unha curtametraxe —aínda que daquela non distinguía entre curtametraxes e outras cousas—. Non sei de onde veu a vocación, quizais dun dos meus irmáns maiores, Pepe —que tamén se dedica a esto—, ou de meu pai, que aínda que era médico sentía gran afección polas artes visuais e tiña unha cámara de súper oito coa que fixen algunhas cousas.

Entre os seus primeiros traballos figuran varios docudramas, como os que dedicou ó mundo das orquestras (Chunda, chunda) ou á vida na Costa da Morte (Vida nas mareas). Que aprendeu con estes traballos?
A verdade é que o documental é un mundo alucinante, porque che dá a oportunidade de meterte de cheo nunha vida que non é a túa, axúdache a entender outros xeitos de ve-las cousas. Diría que che dá unha visión máis humana das cousas. Pero tamén é unha experiencia moi bestia, dunha gran responsabilidade moral, porque ti estás retratando intimamente a alguén e tes que ser xusto. Cando fago un documental teño uns ataques de responsabilidade tremendos.

Ata agora, o seu campo de traballo máis habitual foi a televisión, que moitos desdeñan. Para vostede, que ten este medio que non teñan os outros?
Eu creo que en España, curiosamente, non se desdeña a televisión, senón o cine. Si que é certo que o mundo máis intelectualizado despreza a televisión, o que non resulta estraño se vemos moitas das cousas que se fan... Pero, en contrapartida, tamén están chegando cousas moi interesantes de Estados Unidos, do mellor que se está facendo.

Que supuxo rodar O ano da carracha, a súa primeira longametraxe?
Supuxo enfrontarme a todo o bo e todo o malo que ten a industria cinematográfica neste país. Eu teño claro que como máis cómodo me sinto é rodando historias longas, pero é que o mundo do cine ten defectos severos en España. Para facer unha peli tes que enfrontarte a unha industria que non funciona ben.

Por este título acadou o Premio Mestre Mateo no 2004 á mellor dirección. Que se pode chegar a pensar cando un leva un galardón pola súa primeira incursión na pantalla grande?
Moita alegría, esa é a pura verdade, ser recoñecido polos teus compañeiros de profesión —que son os que dan estes premios— é estupendo e esa noite foi unha gran festa. Pero supoño que coa túa pregunta te referías a se con algo así hai perigo de volverse imbécil [ri]. Eu creo que non teño ese perigo [máis risas]. Acadar éxito co teu primeiro traballo é perigoso, pero ten que ser un éxito bestial.

Recentemente retomou o documental con Que culpa ten o tomate, que se presentará en novembro no MOMA de Nova York. Neste retrátanse sete culturas a través da súa tradición gastronómica e se cuestionan os modelos de produción vixentes. Parece que lle interesan os documentais de denuncia, quizais lle gustaría segui-los pasos de Michael Moore?
Non creas [ri], Michael Moore faime moita graza pero non é o que me gustaría facer. El dá respostas, pero eu prefiro facer preguntas. Sobre as solucións ós interrogantes, que cada un saque as súas propias conclusións.

Con que postura se identifica, coa que cre que o cine ou o documental debe ser un medio de denuncia ou coa que avoga porque só é un entretemento?
Diría que poden convivir as dúas. Eu non aspiro a facer cine de denuncia polo que che comentaba antes, porque prefiro facer preguntas que da-las respostas. Algo que está ben contado é entretido,  pero algo que che faga pensar tamén pode estar ben contado e ser entretido... O que quero, sobre todo, é que o que faga lle chegue ao espectador, que haxa unha comunicación.

A TVG está emitindo Padre Casares, unha serie que vostede dirixe e que, como Terra de Miranda, acadou o favor do público. Gustaríalle da-lo salto a unha canle nacional e firmar o bombazo da temporada?
Xa fixen algunhas cousas, por exemplo, fun un dos directores —eramos seis— de El comisario e a experiencia gustoume. Pero tamén che direi que estaba noutra serie de Telecinco cando xurdiu Padre Casares e preferina. Non me importa tanto onde se vai emitir como se a serie me interesa e, de feito, as cousas máis interesantes fíxenas para a TVG. Non vexo en ningunha canle nacional nada que me convenza tanto como Padre Casares ou como As leis de Celavella.

Estalle dando os últimos toques a 18 comidas, unha longametraxe que retrata eses momentos cotiás que se dan arredor dunha mesa. Definitivamente, atopou no cine intimista a súa identidade como realizador?
Non teño nin idea de por onde vou ir no futuro nin quero sabelo, ¡non quero ter un estilo! Hai directores, como Woody Allen ou Pedro Almodóvar, que teñen un estilo claro e marabilloso, pero eu prefiro a Stephen Frears, que de cada peli fai algo diferente e alucinantemente bo. A min tamén me gusta cambiar, xogar...

Xa sabe cal vai ser o seu próximo traballo?
Non, a verdade é que non, estou barallando varias cousas pero aínda teño que decidirme. Pero hai tempo.

Como lembra a súa nenez en Lugo?
Como algo que queda lonxe, ¡pasaron xa trinta anos! [risas]. A verdade é que foi unha etapa feliz, pasábao moi ben. Eso si, lembro que na adolescencia respirábase a sensación xeral de que Lugo era unha cidade morta, pouco interesante e na que non había moito que facer. Agora, afortunadamente, esto cambiou e a xente está máis orgullosa da cidade. E, aínda que botei raíces en Compostela, recoñezo que en Lugo pódese vivir moi ben.

Influíu na súa traxectoria profesional o feito de ter nacido nunha cidade pequena?
Está claro que inflúe e que cambia o xeito de levar unha carreira se estás en Madrid ou en Lugo, pero ten puntos positivos e negativos. O negativo é que estás lonxe dos centros de produción, dos contactos; e o positivo é que non vives nun ambiente tan competitivo. Eu non cambio a vida que teño en Galicia por outras hipotéticas vantaxes.

Que consello lles daría ós rapaces que estean pensando en segui-los seus pasos profesionais?
Pois que sigan os seus propios pasos [ri].Non, en serio, esta é unha profesión moi ???????chula, pero só no caso de que sexa o único que queres facer na vida. Se hai outras cousas que lles chaman a atención... diríalles que se dedicaran a algunha desas cousas, porque tamén é un traballo moi sacrificado, moi competitivo e moi duro, sen ningunha estabilidade, e eso pode resultar difícil.

Preocúpao a crise do audiovisual?
Si, porque non se sabe qué pode pasar. Agora mesmo hai un exceso de produción e, por iso mesmo e por unha barreira estraña, a maioría non chega ó público. É necesario que se fagan menos pelis, pero ben feitas, con máis presuposto e máis promocionadas. O meu medo é que neste proceso desaparezan as producións máis pequenas e persoais.

Comentarios